O goberno de Ferrol adxudica a redacción do proxecto para a reforma do mercado municipal de Caranza
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, informou dos asuntos máis importantes abordados na Xunta de Goberno Local de hoxe. Estes foron a adxudicación da redacción do proxecto para a reforma do Mercado Municipal de Caranza, a licitación de diferentes obras de pavimentación en estradas e camiños da zona rural do municipio e a contratación de obras de mellora e mantemento no cemiterio municipal de Catabois. O primeiro edil da cidade estivo acompañado polos concelleiros de Economía e de Medio Ambiente e Servizos, Alejandro Langtry Caínzos e Borja Carro Muñoz, respectivamente.
Así as cousas, o Executivo local que preside Jose Manuel Rey Varela acordou adxudicar a redacción do “proxecto básico e de execución e do estudo de seguridade e saúde da actuación para a reforma do Mercado Municipal de Caranza”. O estudo Fernández-Couto Gómez será o encargado da redacción da proposta para este equipamento municipal por un importe de 68.395,25 euros. O proxecto deberá estar listo nun prazo máximo de dous meses e, ao respecto, Rey Varela indicou que o Goberno Municipal xa deu instrucción a devandito estudo para que se poña en contacto cos operadores da praza de abastos e a asociación de veciños para redactar o proxecto.
Neste sentido, o alcalde destacou o feito de que “un tema como este do mercado de Caranza sobre o que tanto se leva falado pasa da realidade virtual á realidade administrativa e neste mandato os vendedores e os veciños coñecerán como será o futuro mercado”. Así mesmo, Rey Varela lembrou que se teñen realizado dende o Concello melloras na cuberta da praza de abastos e que nestes momentos xa comezaron novas actuacións de urxencia por valor de 100.000 euros.
Pavimentación de camiños e pistas no rural
Noutra orden de cousas, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á licitación de diferentes obras de pavimentación en estradas e camiños de diferentes zonas rurais do municipio ferrolán, que se executarán con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña para a presente anualidade de 2015 (POS 2014). Ao respecto, unha das propostas ratificadas foi a correspondente á “Pavimentación pista en Leixa, accesos Aldea a Pega e pavimentación de pista en Mandiá”, que ten un importe de licitación de 75.548,85 euros (21% do IVE incluído) e un prazo de execución de dous meses.
Así mesmo o Executivo municipal licitou a “Pavimentación Camiño da Pedreira e Camiño da Fonte de Vidre en Covas, pavimentación estrada do Lago en Doniños e pavimentación de pista en Lobadiz en San Xurxo”. O importe de licitación ascende a 80.639,40 euros (21% do IVE incluído) e o prazo de execución é de dous meses. As obras están subvencionadas polo Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do PDR en Galicia 2007-2013.
Melloras no cemiterio municipal de Catabois
E, por último, o alcalde de Ferrol deu conta da contratación de obras de mellora e mantemento no cemiterio municipal de Catabois á empresa Murat Construcción y Mantemiento S.L por un importe total de 169.758, 01 euros e un prazo de execución de dous meses.











