O goberno da Laracha propón destinar 678.000 euros do remanente a cancelar a débeda e financiar investimentos
O Pleno da Corporación municipal da Laracha reunirase este mércores día 25 na sesión ordinaria correspondente ao mes de marzo, á que se elevarán diferentes asuntos que xa foron expostos ao longo dos últimos días nas correspondentes Comisións Informativas.
Entre as cuestións que se tratarán na sesión salientan os asuntos de tipo económico. Seguindo a orde do día, darase conta á Corporación das magnitudes resultantes da liquidación do exercicio 2014, que se pechou en 8.047.011,21 e deixou un remanente líquido de tesourería de 1.405.604,52 euros.
O goberno local proporá ao Pleno destinar unha parte desa cantidade a cancelar por completo a débeda municipal, mellorar servizos e acometer actuacións de investimento consideradas prioritarias polas súas características. Para iso requírese da aprobación dun expediente de suplemento de crédito que permitiría reforzar as partidas económicas necesarias para tal fin.
En concreto, o grupo de goberno propón destinar preto de 678.000 euros –a financiar co remanente do exercicio 2014- a amortizar anticipadamente os 3.400 euros pendentes de aboar correspondentes ao único crédito aberto con entidades financeiras, a adquirir colectores amarelos para ampliar a cobertura da recollida selectiva de lixo, á instalación dun punto de información turística en Caión, á renovación de parques infantís e a melloras na rede viaria.
Neste último punto a pretensión é actuar nunha estrada da parroquia de Cabovilaño (O Igrexario-Nogán), dúas de Coiro (A Ferrería-Casanova e AC-552 a Maseo), unha en Vilaño (Areosa-A Balsa), unha en Montemaior (A Baiuca-Santa Margarida), unha en Golmar (A Beria) e dúas en Lendo (DP-1913 a O Cruceiro e núcleo de O Igrexario). Ademais, dotaríase coa rede de saneamento de auga ao lugar de O Vilar (parroquia de Erboedo).
Modificación PXOM
O goberno local pretende conservar e poñer en valor os máis importantes elementos do patrimonio arqueolóxico municipal, como as Torres de Cillobre, a pedra fita Marco da Anta, o Forno dos Mouros e os castros de Montesclaros, Santa Baia e A Pena.
Con esa finalidade proponse incorporar como sistemas de protección cultural ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) o ámbito no que se sitúan, o que require dunha modificación puntual do ordenamento. O primeiro paso será a aprobación inicial da mesma, trámite que se elevará ao Pleno do mércores.
Nos orzamentos xerais do Concello da Laracha para o ano 2015 existe unha partida dotada con 87.000 euros que se destinarán á adquisición dos terreos que albergan ditos elementos patrimoniais.
Inventario camiños
Salientar, por último, que se proporá elevar a definitiva a aprobación do inventario municipal de camiños públicos tras finalizarse o prazo de exposición pública e ser analizadas e contestadas por parte do técnico redactor do documento todas as alegacións presentadas.
Precisamente coa finalidade de depurar o novo inventario de camiños e ofrecer a máxima transparencia, o goberno local desenvolveu unha ampla campaña informativa: os técnicos desprazáronse ás diferentes parroquias para aclarar dúbidas aos veciños e os planos ao completo estiveron dispoñibles na web municipal www.alaracha.es.











