publicidade hoxe

O equipamento térmico nos xulgados de Ortigueira renóvase coa instalación dunha caldeira de biomasa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín visitou hoxe os Xulgados de Ortigueira onde anunciou a inminente posta en marcha da caldeira de biomasa neste edificio xudicial, cumprindo así cas medidas de eficiencia enerxética postas en marcha polo goberno galego nos edificios, tanto administrativos coma xudiciais, nas que mantén a aposta polo uso da biomasa coma combustible.

Juan José Martín lembrou que no ano 2014 iniciouse unha experiencia piloto coa renovación de cinco equipamentos térmicos nas sede xudiciais de Becerreá, Chantada, Pobra de Trives, Ribeira e Tui, e que estas actuacións supuxeron unha inversión de preto de 200.000 euros cun aforro anual estimado de máis de 20.000 euros.

Para o ano 2015 está prevista ademais de en Ortigueira, a renovación de novos equipamentos térmicos nos edificios xudiciais de Mondoñedo, Marín e Xinzo de Limia e no Edificio Administrativo de O Barco. Os criterios seguidos para priorizar a renovación nestes edificios xudiciais foron o estado e antigüidade da instalación, así como as obras necesarias para realizar o cambio de caldeiras. Estas actuacións implican unha inversión de máis de 220.000 euros, que producirán un aforro anual estimado ás arcas galegas de 13.500 euros.

O goberno galego puxo en marcha o pasado ano a Estratexia Integral de Impulso da Biomasa 2014-2020 que fomenta o uso da biomasa por tratarse dun combustible autóctono, menos contaminante e que permite colaborar ao desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia e á redución dos riscos de incendios forestais, ademais de activar a industria asociada á valorización enerxética da biomasa que comprende a transformación e distribución da biomasa e a instalación de caldeiras en fogares, empresas e Administracións Públicas.

Obras de mellora no edificio xudicial

No ano 2014 realizáronse traballos de impermeabilización e pintura interior da sede xudicial por un importe total de 19.351 euros, traballos que serán visitados polos responsables da Xunta, así como a inmediata instalación dunha caldeira de biomasa para climatizar o edificio, cun investimento de 35.000 euros a realizar no presente ano 2015 de xeito que no vindeiro inverno xa funcionen con biomasa, substituíndo á actual caldeira de gasóleo instalada no ano 1994.

12 de marzo de 2015 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.