O director xeral de Xustiza visita os xulgados de Ferrol nos que se investiron máis de dous millóns de euros en melloras
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín visitou esta mañá os xulgados de Ferrol onde destacou que o goberno galego leva investidos máis de 2,1 millóns de euros neste edificio xudicial.
Martín destacou que no marco do Plan de Infraestruturas Xudiciais, a Xunta levou a cabo diversas actuacións de mellora e rehabilitación do edificio. Resaltou que os edificios xudiciais son unha das primeiras responsabilidades do goberno galego no eido xudicial, xa que para un correcto desempeño do labor de administrar xustiza, cómpre contar cunha rede de infraestruturas adecuada, que permita aos cidadáns percibir a prestación deste servizo público como unha organización eficaz, transparente, atenta co cidadán e adaptada ás necesidades do século XXI.
As obras de melloras nestes xulgados beneficiaron a máis de 150 traballadores do edificio, e aos máis de 200.000 cidadáns da comarca de Ferrol, e reflicten o compromiso da Xunta ca Xustiza coma servizo imprescindible para os cidadáns galegos, por iso a pesar da difícil situación económica, o goberno galego non recortou o investimento en materia de xustiza, senón que incluso o reforzou.
As melloras acometidas no edificio ferrolán foron a habilitación dun espazo na cuarta planta para un novo xulgado, así coma unha importante e ampla reforma do edificio orixinal que afectou principalmente á cuberta, ás fachadas, á carpintería exterior e á adecuación do xulgado de garda. Ademais, o pasado ano levouse a cabo, en colaboración co Decanato, un proceso de limpeza e ordenamento no arquivo de pezas de convicción coa finalidade de darlle un mellor uso aos espazos do arquivo.
Nos arquivos de Ferrol había unha gran cantidade de pezas depositadas, moitas delas danadas por unha anterior inundación. A consellería, coa autorización do Fiscal e do Xuíz decano, participou na ordenación e inventariado das pezas, mellorando sensiblemente a situación dos arquivos. Esta actuación, ademais, tivo como consecuencia a destrución de máis de 3.000 quilos de pezas, coa conseguinte liberación de espazo.
Así mesmo os responsables da Xunta, xunto co Decano dos xuíces e o responsable da Policía Nacional da Unidade de Vixilancia dos edificios Xudiciais (UVEX), examinaron as instalacións para a inmediata instalación de cámaras de vixilancia do perímetro exterior do edificio, investimento de seguridade que acadará os 20.000 euros.











