O Concello de Vilagarcía prestará cada mes 149 horas máis de axuda no fogar a persoas con dependencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os Servizos Sociais do Concello poderá ampliar este ano a un maior número de usuarios a cobertura do Servizo de Axuda no Fogar na modalidade de persoas con dependencia valorada. O aumento en 19.390 euros da subvención concedida pola Xunta de Galicia para financiar este programa, permitirá ofrecer 149 horas máis de prestación cada mes, co que ao final do ano teranse realizado un total de 31.953 horas de atención domiciliaria a dependentes.

Os Servizos Sociais de Vilagarcía ofrecen dúas modalidades do SAF: a de persoas con dependencia valorada, financiada coa Xunta de Galicia mediante subvención; e a de libre concorrencia, que costea directamente o Concello.

A ampliación da subvención para o SAF a dependentes foi anunciada esta semana pola Xunta de Galicia, polo que comezará a aplicarse en abril. A partir de entón, prestaranse 2.700 horas mensuais nesta modalidade, ás que hai que engadir as 312 horas que ofrece cada mes o Concello a través da libre concorrencia. Sumando unhas e outras, a 31 de decembro deste ano o SAF de Vilagarcía terá prestado 31.953 horas de servizo aos usuarios que precisan de ser atendidos nos seus domicilios.

Unha media de 70 usuarios ao mes

A cantidade de beneficiarios pode variar semanalmente en relación ás circunstancias dos beneficiarios, de si o servizo se presta en día laboral ou festivo e do uso das horas dispoñibles. No último reconto semanal, o do mércores, constaban 67 usuarios (53 dependentes e 14 de libre concorrencia). O número de novas altas que se poderán dar de alta na modalidade de dependentes grazas ao incremento de horas dependerá das necesidades de asistencia de cada usuario. A Xunta de Galicia é a encargada de tramitar as altas e distribución de horas de servizo en función das súas listas.

Xestión indirecta a través dunha concesión

O Servizo de Axuda no Fogar ten como destinatarias aquelas persoas que teñen limitada a súa autonomía persoal e que precisan contar con distinto tipo de axuda ou colaboración a domicilio á hora de realizar labores básicas da vida cotiá. Este programa pretende aportar maior autonomía a estas persoas e facilitar a súa permanencia no entorno do seu fogar o maior tempo posible. Préstase tódolos días da semana, sábados e domingos incluídos. A prestación faise de forma indirecta a través dunha empresa especializada. A adxudicataria actual é Clece.

Asistencia no aseo, alimentación, coidado da casa e respiro familiar

O SAF comprende diferentes tipos de tarefas que se prestan en función das necesidades concretas de cada caso en particular. Así, realízanse atencións de carácter persoal na realización de actividades básicas, como asistencia para levantarse e deitarse, apoio a hixiene persoal, control do réxime alimentario e, se é preciso, axuda para alimentarse, supervisión das rutinas de administración de medicamentos ou apio para cambios posturais e mobilizacións a persoas encamadas. Tamén se prestan atencións na realización de actividades da vida cotiá como acompañamento fóra do fogar para acudir ó médico ou tratamentos e apoio na realización de xestión necesarias e urxentes.

Nun segundo apartado se enmarcan as atencións das necesidades de carácter doméstico que moitas persoas están incapacitadas para realizar por elas mesmas, como a limpeza e mantemento da hixiene e salubridade da vivenda, compra de alimentos e outros produtos de uso común xa sexa acompañando ó usuario o realizándoo o propio auxiliar, preparación de alimentos e coidados básicos da vivenda.

Ademais, de prestar asistencia directa ás persoas que teñen limitada a súa autonomía persoal, tamén se prevé a prestación do SAF en situacións de respiro familiar, para liberar as persoas encargadas de atender a un familiar con grao de dependencia elevado.

Máis de medio millón de euros anuais para este servizo

O incremento da subvención da Xunta de Galicia para o SAF a dependentes valorados foi acollida con gran satisfacción pola concelleira de Servizos Sociais, Elena Suárez, que salientou que aínda que Vilagarcía presta a través deste servizo un número de horas moi elevado, o certo é que a demanda é superior. Este esforzo dos servizos sociais por atender ao maior número de usuarios posibles plásmase nos importantes recursos que Vilagarcía destina á axuda a domicilio.

Contabilizando o custe das horas ampliadas ata fin de ano, o custe do servizo a realizar en 2015 supera o medio millón de euros (en concreto, 516.178,62). Destes, a meirande parte corresponden á modalidade de dependencia, (462.040,38), mentres que os 54.138,24 euros restantes son os correspondente á libre concorrencia.

12 de marzo de 2015 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.