O Concello de Ourense organiza un programa de actividades medioambientais para escolares nas vacacións de Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Concellería de Educación do Concello de Ourense organiza un programa de actividades de Semana Santa, dirixidas aos/ás escolares de Ourense, que se desenvolverán durante a Semana Santa 2015 na Aula de Natureza do río Miño, en Oira. Nenos e nenas de 6 a 13 anos de idade terán a oportunidade de desfrutar de diferentes propostas lúdicas e formativas durante o seu tempo de vacacións escolares, centradas no coñecemento e desfrute da natureza.

As actividades serán o luns, 30, o martes, 31 de marzo, o mércores, 1 e o luns, 6  de abril, de 10.00 a 13.00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Con elas preténdese que os/as máis cativos/as desfruten dunhas vacacións únicas, co medio ambiente como protagonista, achegándose a un contorno saudable, con divertidas propostas baseadas na natureza, e concienciándoos da importancia da conservación do medio ambiente. Con estas propostas, o Concello pretende tamén facilitar apoio a nais e pais na conciliación da vida familiar e laboral durante estas datas de vacacións escolares.

O programa de actividades pretende estimular aos/as cativos/as a coñecer, gozar e defender o noso contorno natural. Entre elas, realizaranse as seguintes:

– Paseo con “Perrunadas”: Ruta con cans polo río Loña

– Charla de Marcos Rodríguez Pantoja, cuxa historia deu orixe á película Entre lobos.

– “Bicheando” con Alberto Rivera: Paseo polo Loña buscando anfibios e réptis.

– Land Art: elaboración de arte con materiais naturais do monte

– Visita da Fundacion Xaquín Lorenzo

– Obradoiro de creatividade: “Inventa os teus animais”

As persoas interesadas poden inscribirse ou solicitar máis información na Aula de Natureza, en Oira, tfno 988510781. O custe da actividade é 10 euros.

11 de marzo de 2015 | 12:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.