O Concello de Ourense denuncia discriminación no reparto de axudas destinadas ás persoas beneficiarias da RISGA

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

O Goberno Municipal denunciou esta mañá o trato discriminatorio que sofre a cidade de Ourense na adxudicación das subvencións que a Consellería de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia, concede aos concellos, para que se destinen ás persoas beneficiarias da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA).

O Concello de Ourense conta na actualidade con 706 persoas beneficiarias destas axudas, das cales 211, serían susceptibles de ser atendidas mediante esta subvención. A Xunta de Galicia, a pesar de ser un municipio de gran población, e de cumprir todos os requisitos solicitados na convocatoria, soamente lle concede á cidade de Ourense 140.000 euros, do total do invetimento de 1,5 millóns, o que soamente posibilita axudar a 20 persoas en situación de RISGA.

Marga Martín, concelleira de Benestar Social do Concello de Ourense, manifestou que “o único feito polo que soamente nos dan 20 contratos responde a unha actitude partidista da administración autonómica” e engadiu “se temos a metade dos beneficiarios da provincia, nos debería corresponder, cando menos, a metade das axudas”.

O Goberno Municipal reclama da Xunta de Galicia un trato igual co resto dos concellos nun tema tan importante como o Benestar Social e máis, no caso dos beneficiarios destas axudas.

A responsable municipal, Marga Martín, tamén fixo referencia ao orzamento que se destina neste exercicio: “Cando fan referencia a que se incrementou un 100% a inversión é porque no exercicio 2014, non sacaron ningunha para os perceptores de RISGA, e foi o propio Concello o que se fixo cargo en solitario de apoiar ás persoas con rendas baixas e en risco de exclusión”, afirmou Martín.

Así, das máis de 200 persoas que deberían verse beneficiadas por esta aportación da Xunta de Galicia, “soamente se poderá apoiar a 20 persoas beneficiarias do RISGA”, concluiu.

19 de marzo de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.