O Concello de Mos entrega as axudas do Plan Cultural Municipal do 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
A alcaldesa de Mos na entrega das axudas

A alcaldesa de Mos na entrega das axudas

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, entregaron onte pola tarde a liquidación do ano 2014 do Plan Cultural do Concello.

En total a administración local mosense repartiu 24.000 euros entre 22 entidades municipais con grupos musicais, de baile, teatro, corais, folcóricos etc. As asociacións beneficiarias que onte acudiron a recoller as súas correspondentes axudas económicas foron: o Círculo Cultural Abrente, o Círculo Recreativo e Cultural As Pedriñas, o Círculo Cultural Santa Eulalia de Mos, a Asociación de Veciños San Martín de Tameiga, o Círculo Recreativo e Cultural de Torroso, o Centro Cultural e Social de Herville, a Asociación de Veciños Chan do Bosque, a Sociedade Cultural e Recreativa de Guizán, a Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, o Grupo de Baile e Música Nosa Terra de Pereiras, Celado de Cela, o Grupo Folclórico Arume de Guizán, a Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña, a Asociación Cultural Os de Triana, A Cividade de Louredo, Tangaraño, a Coral Ventos do Val, a Coral O Son dos Cantares, Xógara, Asomamos, As Lagharteiras e Xabenga.

O Plan Cultural do Concello de Mos ten o beneficio de que calquera asociación ou centro cultural poden solicitar, previa inscrición, actuacións gratuítas con cargo a este plan dun dos grupos ofertados dentro de dito Plan Cultural; sendo o Concello o que asume o custe das actuacións realizadas polos grupos durante o ano. Cada asociación pode pedir actuacións que non sexan dun grupo da súa propia parroquia, para asegurar deste xeito o intercambio cultural entre parroquias.

Segundo declarou a edil Sara Cebreiro “o obxectivo do Plan Cultural do Concello é dar apoio ás entidades culturais e veciñais municipais que teñen grupos artísticos para contribuír cos programas culturais e musicais das asociacións, para que estas poidan acadar os seus propios obxectivos, ó tempo que estimulamos a participación de cidadáns e cidadás nas diferentes liñas de acción que definen ditas entidades”.

Ademais, outra das finalidades do plan é contrubuír a promover a difusión e a posta en valor de todas as manifestacións da cultura popular galega, así coma todas as accións destinadas á recuperación do seu patrimonio: tradicións, historia, folclore, etnografía, etc.

As representantes municipais aproveitaron por último para lembrar que aínda se atopa aberto o prazo de inscrición no Plan Cultural 2015 e que as asociacións interesadas en entrar a formar parte del poden solicitalo ata o vindeiro 19 de marzo, debendo estar previamente inscritas no Rexistro de Asociacións do Concello de Mos.

12 de marzo de 2015 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.