O Concello de Lugo declara persoa non grata a Rocío Mosquera
Socialistas e nacionalistas sumaron forzas no Concello de Lugo para declarar “persoa non grata” á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, despois de dicir recentemente durante unha visita ao Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) que Lugo non precisaba o servizo de hemodinámica as 24 horas do día.
Nun pleno atípico no que se permitiu a intervención de dúas asociacións -a federación veciñal e Foro Lugo-, en pouco máis dunha hora ventilouse este punto, que defendeu en nome do goberno local o propio alcalde, José López Orozco.
A esta reprobación opúxose o grupo popular, composto por 12 concelleiros -fronte aos 11 e dous de PSOE e Bloque, respectivamente-, o voceiro da cal e candidato á alcaldía, Jaime Castiñeira, foi increpado por momentos polos numerosos veciños que acudiron ao pleno.
O primeiro en intervir foi o vicepresidente da federación veciñal, impulsora da iniciativa lexislativa popular subscrita por máis de 40.000 lucenses a favor de servizos no Hula, José Manuel Carballo, que dixo erixirse en voceiro “do que non teñen voz a favor da vida”.
Tamén apelou ás “promesas incumpridas”, ao recordar que o propio Feijóo comprometeu medicina nuclear, radioterapia e hemodinámica o día da inauguración do hospital, a finais de febreiro de 2011, nun prazo de tres mes.
Tras Carballo, o presidente de Foro Lugo, Ildefonso Saavedra, quixo que na mesma recusación se incluíse o voceiro dos populares e parlamentario autonómico, Jaime Castiñeira.
Mesmo lle recriminou que se presente á alcaldía, e instoulle a que diga “coa súa vara máxica como fai para ter tanta cara de presentarse como candidato se non defende a saúde dos lucenses”. “Entón menos defenderá os intereses dos lucenses”, incidiu.
Nun salón abarrotado, a continuación o alcalde, que ganduxou o seu discurso sen papeis, mantivo que se quere “declarar persoa non grata á conselleira”, polo que “non vai ser recibida con agrado neste municipio”. “Nós queremos que haxa gobernantes que atendan os dereitos que teñen os cidadáns”, sentenciou.
Xa a voceiro do BNG, Paz Abraira, acusou a Castiñeira e ao seu grupo de “falta de humanidade” e enmarcou esta situación nunha “decisión política que o PP coa súa proverbial covardía non é capaz de asumir”.
Nas filas populares, Castiñeira aferrouse a que o Hula é dos mellores hospitais de España e a que non se moverán nin un ápice da ILP aprobada no Parlamento de Galicia.