O Concello de Ferrol pecha catro convenios para avanzar na transformación urbana do municipio
O concelleiro de Infraestruturas, Urbanismo e Contratación do Concello de Ferrol, Guillermo Evia Pérez, deu conta hoxe da entrega de catro convenios aos diferentes grupos municipais na comisión informativa da Área celebrada na Casa Consistorial. Así, a partir desta mesma mañá, os grupos municipais poden estudar as propostas que serán ditaminadas na vindeira comisión informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos e Seguridade para a súa posterior aprobación en Pleno. O edil Guillermo Evia destacou que son “catro convenios fundamentais para o desenvolvemento urbanístico da nosa cidade”.
Así as cousas, o primeiro dos acordos se asinará co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para a convocatoria dun concurso de ideas para deseñar un anteproxecto de construción dun edificio administrativo que albergará os diferentes corpos de seguridade: Bombeiros, Policía Municipal e Protección Civil. Segundo explicou o concelleiro ferrolán, a superficie construída do inmoble está estimada en aproximadamento 3.500 metros cadrados e o presuposto de licitación rondará os 4 millóns de euros. Esta nova sede administrativa se situará nunha parcela de titularidade municipal que se localiza en Leixa, no lugar de Pazo do Monte e orientada cara a rúa Irmandade de Doadores de Sangue. Neste concurso de ideas elixiráse un primeiro premio, dotado con 12.000 euros con cargo á redacción do proxecto e tres accésit de 3.000 euros cada un.
O segundo convenio ao que se referiu o titular de Urbanismo se rubricará co Ministerio de Fomento para a realización do proxecto de transformación da Avenida de As Pías e que permitirá a transferencia a titularidade municipal dos viarios FE-13 e FE-14, que pasarán a ser vías urbanas. Esta actuación permitirá a eliminación do enlace sobre a estrada da Trincheira coa construción dunha glorieta a nivel con esta estrada; e a instalación doutra rotonda que suprimirá o enlace sobre a avenida de As Pías á altura dos barrios de Caranza e O Bertón. Este proxecto ascende a un total de 8,6 millóns de euros; e conta cunha consignación presupuestaria para este mesmo ano de 500.000 euros. A interveción tamén contempla habilitar o viario con dúas vías de entradas e dúas de saída con cadanseu carríl de servizo así como a creación de zonas verdes e un carril para bicicletas; ademais de actuar sobre a rúa Marqués de Santa Cruz. “Trátase de mellorar a permeabilidade entre os barrios de Caranza, Recimil, Ultramar, O Bertón, Ensanche A, O Pilar así como a integración urbana de a avenida de As Pías”, explicou o edil de Urbanismo.
Convenio con Defensa
O terceiro acordo é o convenio con Defensa que permitirá a cesión ao Concello de Ferrol de diferentes propiedades que pasarán a ser de titularidade municipal. “Despois de máis dunha década estamos en condicións de asinar este acordo”, apuntou Guillermo Evia, ao tempo que recalcou que o novo convenio incorpora dúas propiedades que suman case 250.000 metros cadrados de superficie: o Observatorio Meteorolóxico de Monteventoso e a Estación de Radio de Mandiá. Esta última propiedade pasará a ser unha importante bolsa de chan empresarial para Ferrol, dixo o edil.
Así, ademais do antigo acuartelamento do Sánchez Aguilera, as antigas propiedades de Defensa que pasarán a mans do Concello de Ferrol son as seguintes: Polvorín de Mougá, polígono de tiro de Catabois, Cuartelillo de San Luis (Canido), Campamento de Covas, Cuartelillo de Monte Covas, polígono de tiro de Doniños, Estación Torpedista da Armada. Observatorio Meteorolóxico de Monteventoso e Estación de Radio de Mandiá. Guillermo Evia sinalou hoxe que o Goberno Municipal traballa xa no desenvolvemento dun plan de usos para todas estas propiedades. Un traballo que se está a coordinar coas tarefas de revisión e modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), xa en marcha.
Abrir Ferrol ao Mar
E por último, e destacando que “o desenvolvemento dunha cidade planifícase, non se improvisa, facendo as cousas ben e involucrando a todas as partes implicadas”; o concelleiro de Urbanismo explicou o cuarto convenio que subscribirá a Administración ferrolán. Este é o acordo entre o Ministerio de Defensa, a Consellería de Medio Ambiente, Territorial e Infraestruturas da Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol, e a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, que permitirá a convocatoria dun concurso de ideas para a redacción do Plan Especial de Remodelación da Fronte Marítima da cidade “Abrir Ferrol ao Mar”.
Deste convenio sairá un anteproxecto que “mellorará o contacto da cidade co mar”, indicou Guillermo Evia. Neste sentido, a proposta afecta a un ámbito de actuación en que afecta a toda a fachada marítima e as administracións con competencias na mesma: Defensa, Autoridade Portuaria, Xunta de Galicia e Concello. Esta será a primeira vez que todas as partes se implican na futura integración desta zona na cidade, incluída Defensa.











