O Concello de Ferrol participa no programa de dinamización lingüística “Apego”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol participa, a través da Concellería de Normalización Lingüística que dirixe Martina Aneiros Barros, no programa de dinamización lingüística “Apego” dirixido a fomentar e mellorar a transmisión interxeracional da lingua galega. Trátase dunha iniciativa que busca implicar as familias tecendo redes de apoio para a transmisión do galego como lingua de relación, descuberta do mundo e identificación coa familia e coas raíces. A Concellería de Normalización Linguística asinou esta semana o protocolo de colaboración para o desenvolvemento deste programa no que o Concello de Ferrol está a traballar conxuntamente cos municipios de Baña, Carballo, Carnota, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo.

Os obxectivos do programa Apego son incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial así como promover que o usen de maneira habitual. Esta liña de traballo que desenvolverán conxuntamente os doce municipios responde á necesidade de reforzar a transmisión da lingua a través da organización de accións dirixidas ao ámbito familiar, educativo, de conciliación e de lecer que procuren sensibilizar sobre a importancia do legado lingüístico e a súa transmisión. Os Concellos realizarán unha campaña informativa inicial, ofrecendo plataformas dixitais para o desenvolvemento e continuidade do programa así como a relación de obradoiros nos que se promocione a importancia do uso do galego e o seu legao lingüístico. Ademais, crearase unha rede coas familias interesadas en recibir información e recursos de apoio para a crianza en galego, e porase a disposición da cidadanía un espazo web para informar do desenvolvemento do programa e así facilitar o acceso á información, recursos e redes de apoio á transmisión da lingua galego.

Accións a desenvolver

As accións estarán deseñadas polos concellos participantes de cara a unificar a súa imaxe e o seu desenvolvemento dependerá das características de cada municipio. Así, a posta en marcha incluirá como mínimo as seguintes actuacións: deseño dunha imaxe común para o programa; edición dunha campaña informativa con material distribuible en espazos que habitualmente atenden ao embarazo e a adopción; a edición de caixas para entregar a embarazadas para preparar a acollida do seu fillo/a (libro informativo, álbum de lembranzas, un medidor, adhesivo para vehículo…); edición de 5.000 CD de acollida para os novos nacementos e adopcións cunha selección de música que acaia aos diferentes momentos da crianza; creación dunha rede coas familias interesadas en recibir informaciñón e recursos de apoio para a crianza en galego; creación dun espazo-web para informar do desenvolvemento do programa e aglutinar o acceso a información, recursos e redes de apoio á transmisión da lingua galega; e obradoiros formativos para os diferentes colectivos atinxidos no programa.

26 de marzo de 2015 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.