O Concello de Carballo emprende a reparación de 38 rúas coa dotación dunha nova capa de aglomerado
Veñen de comezar estes días os traballos do “Proxecto de reparación de varias rúas do casco urbano de Carballo”, que está previsto que se prolonguen durante as próximas semanas aproveitando as boas condicións meteorolóxicas. As actuacións consisten na reparacion daquelas vías, un total de 38, nas que xa se aprecian defectos no pavimento, tales como pel de crocodilo, figuración, fochas, descarnaduras, etc., levándose a cabo un labor de mantemento correctivo, reparando aquelas zonas onde o dano aínda non afectou ás capas base do firme, fresando a capa superficial e volvendo a pavimentar con aglomerado a zona afectada.
Os traballos principiaron hoxe na contorna da rúa Castelao (na imaxe), e tamén se realizarán nas rúas Camelias, Alcalde Peinador, Violetas, Begoñas, Tomiño, Darwing, Avenida de Bergantiños, Otero Pedrayo, Ramón y Cajal, Santa María, San Xoán Bautista, Glorieta do Polígono de Bértoa, Alfredo Brañas, Cuba, Fomento, Laracha, Perú, Ponte da Pedra, Ponte, Tarragona, Vila de Noia, Fernando Camarot, Manuel de Falla, Marte, Vila de Cee, Vila de Ponteceso, Vila de Coristanco, Pintor Luís Seoane, Mirtos, Camelias, Caravel, Moreiras, Gardenias, Salqueiros, Lirios, Fiúnchos e Bos Aires. A empresa encargada de realizar os traballos é Construcciones López Cao SL por un importe de 165.770 euros (IVE incluído). Por último, hai que mencionar que nos últimos días tamén se están realizando os labores para repintar os pasos de peóns do casco urbano.











