O Concello de Carballo analiza 50 mananciais para comprobar a calidade e os parámetros sanitarios das súas augas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Concello de Carballo vén de rematar o proceso para analizar un total de 50 mananciais públicos do municipio a través dun estudo da Concellaría de Medio Ambiente. O obxectivo deste proceso, realizado entre o 3 e o 20 de febreiro deste ano, foi o de comprobar a calidade e os índices sanitarios das augas seguindo os parámetros establecidos pola Xunta no ano 2010 con motivo do plan de control de fontes do Camiño Xacobeo. As fontes públicas analizadas estaban situadas nas parroquias de Aldemunde (1), Ardaña (4), Artes (2), Berdillo (1), Bértoa (2), Cances (1), Carballo (3), Entrecruces (2), Goiáns (3), Lema (5), Noicela (2), Oza (1), Razo (7), Rus (4), Sísamo (1), Sofán (8) e Vilela (3). Hai que subliñar que o estudo non se realizou nas fontes públicas situadas en parques que beben da traída municipal. No caso destas útimas, porque a súa calidade xa está acreditada ao ser auga tratada. As análises centráronse nos mananciais públicos que teñan uso frecuente por estar en zonas concorridas como prazas, cruces, camiños ou estradas. Unha vez realizadas as análises, procedeuse á sinalización das fontes para informar aos veciños e veciñas da súa idoneidade. Seguindo a sinalización establecida pola Consellería de Sanidade, colocouse un cartel de “Auga non apta para o consumo” naqueles mananciais que non acreditan a “aptitude da auga” por mor dos resultados do estudo. Tamén se colocou unha sinalización que advirte de que en todos os casos se trata de mananciais “sen garantía sanitaria”, xa que, máis aló do momento puntual da realización das análises, o Concello non pode garantir a seguridade do consumo da auga por non estar conectada a unha traída con tratamento da auga. Os resultados do estudo reflicten que non se recomenda o consumo en 31 das 50 fontes analizadas.

25 de marzo de 2015 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.