publicidade hoxe

O Concello da Laracha recoñecerá os méritos individuais e colectivos do deporte local na gala deste sábado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A terceira edición da Gala do Deporte do Concello da Laracha celebrarase este sábado, día 28 de marzo, a partir das 18:30 horas nun acto que será conducido polos xornalistas Moncho Viña e Juan Barro e no que se premiará e recoñecerá a labor e o esforzo das principais entidades, asociacións e clubs deportivos do municipio e tamén aos deportistas individuais laracheses máis importantes do momento.

A gala desenvolverase en tres bloques. No primeiro deles premiarase a todas as asociacións deportivas, clubs e peñas que están actualmente activas en agradecemento á esencial función social que realizan en beneficio da veciñanza en xeral, ademais de representar ao Concello da Laracha nas diferentes competicións e eventos nos que participan.

Na segunda parte realizarase unha mención especial a seis entidades, concretamente ao Laracha C.F. polo seu cincuenta aniversario, á Peña Royal de Caión que cumpriu o medio século no ano 2012, ao club ciclista Laracha en dúas rodas e ás peñas de fútbol de San Román e Canteras El Pozo.

Por último recibirán un recoñecemento individual polo seu esforzo e dedicación trinta e oito persoas estreitamente relacionadas co mundo do deporte larachés, xa sexa polos seus logros obtidos nos últimos anos ou pola súa traxectoria como deportistas, adestradores ou directivos, aínda que actualmente non se atopen en activo.

O Concello da Laracha involucrou desde o primeiro momento ao entramado social e deportivo do municipio na organización desta cerimonia. De feito, os premios individuais e mencións especiais realizaranse a proposta das diferentes entidades, coas que se mantivo unha reunión no pasado mes de febreiro para explicarlles o desenvolvemento da gala e solicitarlles que propuxesen os seus candidatos.

O recoñecemento oficial que se realizará aos deportistas e clubs na III Gala do Deporte da Laracha será un complemento emocional ao apoio económico que anualmente se realiza desde o Concello coas liña de subvencións municipais para entidades deportivas e deportistas individuais, á que se destinan cada ano preto de 150.000 euros.

Deste xeito, coa celebración da III Gala do Deporte, o Concello da Laracha realizará un sentido recoñecemento oficial tanto á labor social das entidades como aos méritos dos principais deportistas nun acto no que se resaltarán e darán a coñecer á poboación larachesa os seus logros persoais.

24 de marzo de 2015 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.