o Concello da Laracha mellora tres estradas rurais da parroquia de Cabovilaño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha iniciou as obras de mellora da rede viaria en estradas de catro núcleos rurais da parroquia de San Román de Cabovilaño, todos eles situados moi próximos á estrada autonómica C-552.

En todos os casos, ademais da correspondente limpeza integral da calzada e das cunetas, as actuacións que se están a desenvolver inclúen a ampliación da anchura da plataforma da vía e a nova pavimentación coa calidade que ofrece a mestura bituminosa en quente.

A obra que afecta a unha maior distancia lineal é a que se está realizando na vía que comunica a estrada C-552 cos lugares de O Regado e A Braña. Neste caso a anchura media amplíase noutros dous metros para alcanzar unha plataforma dunha amplitude de sete metros.

No núcleo de A Telleira as obras son de similares características: contémplase un sobreancho de 1,8 metros, pasando a ter cinco metros en total. Precisamente neste lugar o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de obras, Jesús Souto, tiveron ocasión de reunirse cos operarios.

En A Teixoeira tamén está a ser aumentada a amplitude da vía e renovado o pavimento.

Todas estas actuacións forman parte dun mesmo proxecto, que tamén inclúe a mellora da estrada San Cristovo-O Monte, situada na parroquia de Golmar, obra que se realizará a continuación, unha vez finalizadas as que se están acometendo en Cabovilaño.

O Concello da Laracha e a Deputación da Coruña –a través do plan provincial DTC 93- cofinancian estes traballos. En total investiranse 71.000 euros na substancial mellora destas catro vías, que suman unha lonxitude lineal de case dous quilómetros.

6 de marzo de 2015 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.