publicidade hoxe

O Concello da Laracha destinará 675.000 euros do remanente a actuacións de investimento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Minuto de silencio no pleno da Laracha

Minuto de silencio no pleno da Laracha

O último Pleno ordinario da actual lexislatura no Concello da Laracha celebrouse este mediodía e comezou con dous minutos de silencio: ademais do minuto habitual en recordo e homenaxe ás mulleres vítimas da violencia de xénero gardouse outro mostrando o respecto aos falecidos no accidente aéreo dos Alpes e aos dous mariñeiros que perderon a vida onte en Laxe. O alcalde anunciou que, tras decretarse o loito oficial, as bandeiras da Casa do Concello estarán a media asta durante as xornadas de hoxe e a de mañá.

Xa inmersos no contido da sesión plenaria, deuse conta á Corporación municipal do resultado da liquidación do exercicio económico 2014, que deixa como magnitudes máis salientables que o orzamento foi pechado na cantidade de 8.047.011,21 euros (máis dun quince por cento dos 6.950.882,20 euros presupostados inicialmente), o resultado orzamentario (magnitude que reflicte a diferenza entre os dereitos e as obrigas recoñecidas) ascende a 1.243.719,04 euros e o remanente líquido de tesourería sitúase na cifra de 1.405.604,52 euros.

A continuación, e como unha cuestión meramente técnica, deuse conta do decreto da Alcaldía polo que se aprobou a información sobre os marcos orzamentarios a medio prazo nos que se enmarca a elaboración dos orzamentos das entidades locais. O documento establece un marco xeral no cal se prevé elaborar os presupostos dos próximos anos (de 2016 a 2018), variando moi pouco a estimación da evolución dos gastos e ingresos con respecto ás magnitudes actuais e sendo, en todo caso, situacións nas que non se produciría déficit.

Ademais, aprobouse o novo límite de gasto non financeiro para o exercicio 2015, que queda fixado en 5.162.474,59 euros. O cálculo inicial desta magnitude realizárase no pasado mes de decembro sobre unha previsión do peche do exercicio 2014. Agora que dito exercicio xa foi liquidado, a nova cifra foi a proposta polo informe de intervención, calculada en base aos datos reais e definitivos.

Investimentos con cargo ao remanente

Cos votos a favor do grupo de goberno (PP) e do grupo dos nacionalistas e a abstención dos socialistas aprobouse a proposta para destinar parte do remanente de tesourería que arroxou o peche do exercicio 2014.

O alcalde, José Manuel López Varela, afirmou neste punto que os datos “reflicten a situación económica saneada do Concello da Laracha”, o que permitirá “eliminar por completo a débeda con entidades bancarias e acometer investimentos por un importe duns 675.000 euros”.

As actuacións que se realizarán con cargo ao remanente serán adquirir colectores amarelos para ampliar a cobertura da recollida selectiva de lixo, á instalación dun punto de información turística en Caión, á renovación de parques infantís, dotar co servizo de abastecemento de auga ao lugar de O Vilar (parroquia de Erboedo) e mellorar a rede viaria municipal, afectando as actuacións proxectadas ás estradas A Ferrería-Casanova e AC-552 a Maseo (ambas en Coiro), O Igrexario-Nogán (Cabovilaño), A Baiuca-Santa Margarida (Montemaior), núcleo de A Beria (Golmar), DP-1913 a O Cruceiro e núcleo de O Igrexario (Lendo) e Areosa-A Balsa (Vilaño).

Segundo López Varela, trátanse todas elas “necesarias e beneficiosas para os veciños”.

Modificación PXOM

Por unanimidade foi aprobada con carácter inicial a modificación puntual número 4 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que permitirá conservar e poñer en valor os máis importantes elementos do patrimonio arqueolóxico municipal, como son as Torres de Cillobre, a pedra fita Marco da Anta (menhir de Erboedo), o Forno dos Mouros e os castros de Montesclaros, Santa Baia e A Pena.

López Varela avanzou que os seguintes trámites serán solicitar os preceptivos informes sectoriais dos diferentes organismos (o Concello xa dispón dos referidos a telecomunicacións e servidumes aeronáuticas), momento no que se procederá á aprobación provisional e, a continuación, remitirase á Dirección Xeral de Urbanismo para elevala a definitiva. Este procedemento terá unha duración mínima de catro meses e permitirá dar a máxima protección municipal a eses elementos do patrimonio, evitar a súa degradación, poñelos en valor e acceder á súa propiedade.

Nos orzamentos xerais deste ano xa hai partidas económicas reservadas para a adquisición dos terreos nos que se sitúan o castro de Montesclaros e o menhir de Erboedo, actualmente de titularidade privada.

Inventario camiños

A modificación do inventario de camiños públicos foi aprobada con carácter definitivo coa única abstención do grupo dos nacionalistas. No mesmo recóllense en total 1.864 referencias e indica que a rede viaria municipal conta con 642 quilómetros lineais, datos que reflicten a complexidade da redacción do documento e do traballo de campo desenvolvido para realizar as correspondentes comprobacións.

O rexedor municipal mostrouse “orgulloso por poder traer ao Pleno o documento, que era moi necesario e evitará problemas de interpretación”. José Manuel López Varela afirmou que, trala campaña informativa desenvolvida polo Concello da Laracha, foron presentadas cincuenta e sete alegacións, das cales practicamente a metade foron admitidas.

25 de marzo de 2015 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.