O Concello da Coruña recibe 20 propostas para executar a segunda fase da área de rehabilitación dos Mariñeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña informa de que recibiu un total de 20 propostas para executar a segunda fase da área de rehabilitación integral de Os Mariñeiros, cun orzamento de licitación de 343.539,75 euros. Con esta actuación, o Executivo municipal, a través da Concellaría de Infraestruturas, reurbanizará un total de 9.252 metros cadrados de espazos públicos no barrio.

As obras incluirán a renovación de firmes e beirarrúas, a adecuación das redes existentes de abastecemento de auga potable e rega ás necesidades actuais e futuras, e a instalación dun sistema separativo de augas fecais e pluviais e das canalizacións de subministración eléctrica, iluminación pública, gas, telefonía e telecomunicacións. O proxecto ten un prazo de execución de 6 meses.

Esta actuación súmase á iniciada o ano pasado que, cun orzamento de 203.892 euros, supuxo a intervención nunha superficie de 1.621 metros cadrados, nos que se realizaron traballos de renovación de pavimentos, iluminación, saneamento e recollida de pluviais.

24 de marzo de 2015 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.