O Concello da Coruña pon en marcha o acougado de tráfico no Agra do Orzán, Sagrada Familia e Os Mallos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Begoña Freire en Ramón Cabanillas

Begoña Freire en Ramón Cabanillas

A concelleira de Mobilidade, Begoña Freire, presentou esta mañá a estratexia de Acougado de Tráfico que se aplicará no Agra do Orzán, Sagrada Familia e Os Mallos, nunha superficie de máis dun millón de metros cadrados e que incluirá a execución de máis de 5 quilómetros de itinerarios ciclistas. Trátase dunha iniciativa contemplada no PMUS, dentro do eixo sectorial de Plan de Fomento da Mobilidade Ciclista e Plan de Ordenación do Tráfico e Estrutura Viaria.

“Con esta nova medida cumprimos co noso obxectivo e o noso compromiso de dar un maior protagonismo aos peóns recuperando as rúas como lugar de convivencia, á vez que favorecemos a integración da bicicleta na cidade. O noso reto é conseguir unha mobilidade sustentable que vaia gañando terreo ao vehículo privado”, subliñou a concelleira quen lembrou que o 48% dos desprazamentos internos na cidade realízanse a pé, unha cifra que hai que protexer e potenciar.

A superficie de actuación, de máis de 1 km2, inclúe os barrios de Agra do Orzán e Ventorrillo na área comprendida entre Rolda de Nelle, Mosteiro de Caaveiro, avenida de Finisterre e avenida de Peruleiro (máis de 500.000 m2); así como Sagrada Familia (uns 220.000 m2) e Os Mallos (uns 280.000 m2), na área entre Rolda de Outeiro, Rolda de Nelle, Avenida Finisterre e Marqués de Figueroa. Ademais, realizaranse actuacións demandadas noutras zonas como Feáns, Santa Gema, Pedralonga e Vicente Alexandre / Camiño da Igrexa.

“Trátase de aplicar unha xerarquización ou ordenación viaria coherente coa estrutura da cidade e tendo en conta o uso, características propias e contorna de cada unha das rúas, de forma que se consiga unha circulación equilibrada e eficiente, tanto do vehículo privado, do transporte público, das bicicletas e dos peóns”, explicou Freire e engadiu: “Optimizamos a circulación nas vías distribuidoras e de paso, como poden ser as roldas e avenidas, e tratamos de potenciar as modalidades máis sustentables polo viario interior”. Neste sentido, o obxectivo é diferenciar as rúas principais distribuidoras de tráfico de paso do vehículo privado e transporte público, das rúas do viario interior –de destino ou de estar- a potenciar ese viario local para o uso por parte de peóns, como aparcadoiro ou zona de repartición de mercadorías, para o uso de bicicletas e, por último, de vehículos en orixe ou destino. A intención é disuadir ao vehículo privado de utilizar estas vías como ataxos, rúas que adoitan ser curtas, con moitas cruces, pasos de peóns…

Cun investimento de aproximadamente 120.000 euros e un prazo de execución dos traballos de mes e medio, as actuacións consisten en:

– Mantense a limitación a 50 km/h no viario local perimetral, por onde tamén circula o autobús.

– Limitación a 30 km/h nas rúas con tráfico acougado que estarán indicadas con portas de entrada e sinalización específica. Esta medida está aliñada co proxecto do novo Regulamento de Circulación.

– Instalación de elementos reductores de velocidade.

– Sinalización horizontal e vertical.

– Actuacións en materia de seguridade viaria en mobiliario, colectores ou outros obstáculos que perturben a visibilidade.

– Análise de zonas de carga e descarga, aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida…

– Execución de máis de 5 km de itinerarios ciclistas recomendados no viario interior que discorrerán polas rúas de tráfico acougado, definido mediante pictogramas e sinalización horizontal da calzada. Discorrerá desde o barrio do Agra do Orzán ata Catro Camiños pasando por Sagrada Familia e Os Mallos. “A bicicleta é un gran aliado para a mobilidade sustentable e acougado de tráfico, queriamos que o ciclista baixase da beirarrúa e utilizase a calzada, dado que a maior parte das vías que temos non permiten a segregación da calzada para crear un carril bici, tiñamos que apostar por esta solución que fomenta o acougado do tráfico de forma que as bicicletas poidan compartir, en condicións de seguridade, o espazo cos coches”, explicou Freire.

A aplicación destas medidas vai supor a mellora da seguridade viaria grazas ao límite de velocidade; animará a máis cidadáns a utilizar a bicicleta como modo de transporte habitual, ben para acudir ao seu posto de traballo, ao seu centro de estudos ou simplemente como alternativa de lecer; redúcese o tráfico de paso e de axitación; e redúcese a contaminación e as emisións de CO2 así como o consumo de combustible. “En definitiva, creamos en toda esta superficie un espazo máis seguro para as persoas, melloramos a calidade urbana dos barrios ao rebaixar o nivel de ruído e contaminación, e melloramos a convivencia de todos os usuarios da vía pública”, sinalou a concelleira.

Estas medidas implántanse unha vez en servizo un novo viario de penetración principal na Cidade, como é a Terceira Rolda e as súas conexións coa Grela, avenida de San Cristóbal e Rolda de Outeiro, o que permite reducir fluxos nos viarios distribuidores de tráfico e, por tanto, ir desprazando paulatinamente o tráfico parasitario do interior dos barrios, onde os movementos deben ser de orixe ou destino, de menor impacto e con velocidade limitada, onde teñan unha marcada presencia a bicicleta e o peón.

Tal e como lembrou Freire, esta iniciativa súmase a outras medidas adoptadas polo Goberno local co obxectivo de dar un maior protagonismo ao peón como, por exemplo, a actuación do conector peonil baixo o viaduto de Alfonso Molina, en Puga e Parga, que axuda a cohesionarOs Castros coa Sagrada Familia e que incluíu aparcadoiros para bicis e motos e un carril bici; a creación de camiños escolares; ou a posta en marcha do ascensor que conecta a avenida de Arteixo e Ramón Cabanillas. “Todo un conxunto de accións multinivel, transversais e coordinadas que nos axudan a recuperar espazo para o peón e a bicicleta nunha gran parte da cidade enmarcada entre Os Castros e o Agra creando a gran rolda peonil, case en paralelo á Rolda de Outeiro”, finalizou.

25 de marzo de 2015 | 12:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.