O Concello da Coruña investirá 600.000 euros na reurbanización das rúas Páramo e Meira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou esta mañá que o Concello investirá máis de 600.000 euros na reurbanización das rúas Meira e Páramo, na Agra do Orzán. En total, estas iniciativas suporán actuar nunha superficie de 4.000 metros cadrados co obxectivo de mellorar a calidade urbana destas vías próximas á praza das Conchiñas: “Con estas dúas actuacións damos continuidade e dotamos dunha identidade común a toda a zona, xa que a reurbanización de ambas as rúas acompañará os traballos realizados na praza das Conchiñas, a rúa Entrepeñas, a rúa Cuba ou a remodelación da praza do Comercio”, sinalou o alcalde.

En concreto, a reurbanización da rúa Páramo suporá actuar nunha vía de 262,50 metros e nunha superficie de 3.029 metros cadrados. Preténdese humanizar e modernizar esta rúa dotándoa de beirarrúas máis amplas, de 1,50 metros, para favorecer a accesibilidade dos peóns; así como a mellora do pavimento e dos servizos públicos. En total destinaranse 485.000 euros a este proxecto. Ademais, tamén se abordará a reurbanización da rúa Meira, de 84,70 metros de lonxitude, para actuar en 911,50 metros cadrados seguindo a mesma liña que no caso anterior: beirarrúas máis amplas -de 1,50 metros-, reparación de pavimento e modernización de servizos públicos. O Goberno local investirá 135.000 euros nesta actuación.

Tal e como explicou Negreira, os dous proxectos, cuxo inicio de obras está previsto para o terceiro trimestre do ano, enmárcanse dentro do plan de modernización de espazos públicos da cidade e para a mellora da mobilidade no centro urbano: “Estas actuacións responden á filosofía do Goberno local de ter unhas rúas adaptadas ao século XXI, accesibles, que permitan a convivencia de peóns e vehículos apostando por unha mellor mobilidade, e cuns servizos públicos modernos”.

O alcalde destacou que para aumentar a anchura das beirarrúas en ambas as rúas axustarase o ancho do viario destinado ao tráfico rodado, o que permitirá manter as zonas de aparcadoiro en liña. Ademais, nos pasos de peóns realizaranse saíntes que inclúan vaos peonís e así lograr que as beirarrúas sexan máis accesibles. A execución destas melloras nas rúas Meira e Páramo tamén inclúe ampliar a rede de saneamento, de maneira que se completa o sistema separativo recollendo tanto os sumidoiros de superficie como as baixantes dos edificios á rede de pluviais. Onde sexa preciso tamén se renovará a rede de augas residuais aumentando a súa capacidade. Ademais, nas beirarrúas deixaranse previstas canalizacións para servizos municipais conectados coas existentes na contorna. A reurbanización finalizarase coa colocación de mobiliario urbano, plantación de árbores e sinalización horizontal e vertical.

AGRA DO ORZÁN

Negreira incidiu no obxectivo do Goberno local por lograr equiparar todos os barrios da cidade para que os veciños gocen de servizos e infraestruturas de calidade sexa cal for o lugar no que residen. Neste sentido, destacou o esforzo realizado no Agra do Orzán cun investimento, no mandato, próxima aos 15 millóns de euros en obras como a reurbanización e o aparcadoiro da praza das Conchiñas, a remodelación das rúas Entrepeñas, Cuba, Observatorio ou a praza de Mosteiro de Cines; ou a posta en marcha da escola infantil e do centro Novoboandanza, entre outras actuacións.

23 de marzo de 2015 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.