O Concello da Coruña e a Fundación Wenceslao Fernández Flórez asinan un convenio de colaboración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o presidente da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, José Luís Castro de Paz, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre ambas as entidades no Palacio Municipal de María Pita. O encontro celebrouse no Salón Vermello, de cuxas paredes colga un retrato de Wenceslao Fernández Flórez.

Ao acto asistiron Antonio Luís Fernández Flórez e Wenceslao Fernández Flórez, sobriños do escritor e os seus únicos herdeiros vivos, quen tamén rubricaron o acordo na súa condición de presidentes de honra da fundación. Ambos os descendentes anunciaron a súa intención de depositar na Fundación Wenceslao Fernández Flórez máis de 50 volumes nos que recompilan toda a obra xornalística do coruñés.

O convenio establece a colaboración entre ambas as entidades para a difusión da figura do insigne escritor e xornalista, nacido o 11 de febreiro do ano 1885 na Coruña, cidade na que viviu ata os primeiros anos da súa mocidade e que serviu de escenario de boa parte da súa obra literaria. A Fundación Wenceslao Fernández Flórez, da que é titular o Concello de Cambre e a Deputación da Coruña, está instalada na que foi a súa residencia estival, na parroquia de Cecebre (Cambre), escenario da popular novela O bosque animado.

O acordo expón traballar conxunta e coordinadamente na difusión da obra literaria, xornalística e cinematográfica do escritor, como podería ser a través exposicións, publicacións, proxeccións ou ciclos de conferencias, así como de profundar conxuntamente na investigación da obra literaria, xornalística e cinematográfica deste coruñés ilustre.

O alcalde Carlos Negreira lembrou que “é unha obrigación do Concello colaborar na difusión da obra dun fillo predilecto da cidade, condición que ostenta Wenceslao Fernández Flórez, que é ademais un dos xornalistas e escritores máis destacados que deu A Coruña en toda a súa historia”.

Pola súa banda, José Luís Castro de Paz agradeceu “o gran interese mostrado polo alcalde Carlos Negreira en potenciar a figura de Wenceslao Fernández Flórez” a través de actividades conxuntas. “Para a nosa fundación é moi importante contar, de modo formal, co apoio da cidade que o viu nacer”, subliñou.

18 de marzo de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.