O centro de saúde de Panxón entrará en funcionamento antes de finalizar o ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+
Rocío Mosquera na visita ás obras

Rocío Mosquera na visita ás obras

O centro de saúde de Panxón entrará en funcionamento antes de que remate o ano, despois de finalizar os 12 meses do seu prazo de execución. Así o anunciou hoxe a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, na súa visita para comprobar o estado das obras, as cales se están a desenvolver en tempo e forma.

“Estas instalacións, completamente novas, van facilitar a actividade dos nosos profesionais e redundarán en beneficio da cidadanía de Nigrán”, subliñou Mosquera.

O orzamento da adxudicación foi de 1.841.633 euros para unha superficie construída de 1.375 metros cadrados que atenderá a 7.606 cidadáns. O centro está cofinanciado con fondos FEDER e enmárcase na Estratexia Sergas 2014 de modernizar as infraestruturas da rede de Atención Primaria para mellorar a asistencia prestada á cidadanía e o contorno de traballo dos profesionais.

Programa funcional

A obra ten no seu programa funcional 12 consultas na área de medicina xeral (6 consultas de medicina xeral e 6 consultas de enfermaría), 1 sala de toma de mostras, 1 sala de técnicas, unha polivalente, 1 consulta de pediatría, 1 de enfermaría pediátrica, sala de xuntas, aseos, oficios vestiarios e todos os servizos necesarios para o correcto funcionamento do centro.

Segundo informou a conselleira, “esta foi a primeira obra adxudicada dunha serie de 12 centros de saúde dos que 10 xa empezamos a obra nos últimos meses, 1 foi adxudicado fai uns días e o outro está en fase de licitación. Supoñen un investimento previsto no ano 2015 de 20,3 millóns de euros correspondentes aos fondos FEDER finalistas que están sendo obxecto de incorporación progresiva, ademais dos 5,3 de fondos propios dotados no orzamento inicial”.

Así, estes centros súmanse aos 20 xa rematados e postos en funcionamento, aos 9 reformados e aos 2 consultorios que nestas últimas semanas puxéronse en marcha (Cotobade e Mera-Ortigueira). En total, todos estes centros presentan servizos de atención primaria a 300.000 cidadáns galegos.

Ademais, neste ano 2015 o 50% da poboación en Galicia está nunha área sanitaria onde se está facendo un hospital novo ou reformándose. E no ano 2016, o 70% dos galegos vivirán nunha área sanitaria onde se estea facendo un hospital novo ou reformándose.

Modernización da tecnoloxía médica

No acto Rocío Mosquera anunciou que Sanidade ten previstos 1,4 millóns de euros no orzamento de 2015 para reformas e adquisicións de equipamento nos centros de saúde. “Apostamos tamén pola modernización da dotación de tecnoloxía médica e de comunicación nos centros de saúde para incrementar a súa capacidade de resolución e poder achegar a asistencia o máximo posible á poboación”, afirmou.

Esta é unha aposta clara da Consellería e do Servizo Galego de Saúde pola atención primaria, por entender que é esta a porta de entrada ao sistema e a que está máis preto dos cidadáns.

Por iso Sanidade aposta pola tecnoloxía da información e comunicación para facela máis resolutiva con programas como a consulta telefónica, que rexistrou, en 2014, 328.055 consultas na área de Vigo, as vías rápidas ou a e-interconsulta, con 7.613 solicitudes.

24 de marzo de 2015 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.