O Centro Comercial Arousa estrea o ciclo culinario España Gastronómica
O Centro Comercial Arousa porá en marcha mañá martes, a partir das 20:00 h., España Gastronómica. Un país para saborear, un novo ciclo de talleres culinarios no que os asistentes aprenderán a elaborar os pratos rexionais de seis comunidades españolas, guiados por chefs galegos de recoñecido prestixio e especializados na gastronomía de cada zona.
Os cursos, de carácter gratuíto e abertos ao público ata completar aforamento, permitirán aos participantes descubrir as numerosas posibilidades que ofrece a ampla e exquisita oferta da cociña de Illas Baleares, Castela e León, Canarias, A Rioxa , Andalucía e Cantabria, ademais da traballar e sacarlle o máximo partido aos seus produtos máis característicos.
En cada taller, prepararase un menú completo, composto por un primeiro prato, un segundo e unha sobremesa, que proporcionará ao público presente a posibilidade de explorar novas receitas que incorporar despois aos seus menús diarios. Os cursos desenvolveranse o último martes de cada mes, durante os próximos cinco meses –de marzo a agosto- na aula de Cociña, da 2ª planta.
Estarán impartidos por Fran Sotelino, chef do Asador La Paz (Moaña); Miguel Mosteiro, xefe de cociña de IN9 Eventos do grupo Chicolino Restauración (Boiro); Rocío Garrido, creadora do blog gastronómico La cocina de mi abuelo; Luís Feijoo, chef de Vago de Vinos (Cambados); e Pilar Martí, de Nación Green (Pontevedra).
Illas Baleares, a primeira parada gastronómica
O primeiro taller do ciclo penetrarase na gastronomía das Illas Baleares, coincidindo coa celebración da festa oficial da comunidade este mes. Rica en sabores e produtos do mar e a horta, a súa cociña está fortemente influenciada por culturas como a árabe, a francesa ou a inglesa, froito do seu paso ao longo da historia polo arquipélago.
O chef Fran Sotelino, un gran coñecedor da cultura gastronómica da zona -desenvolveu parte da súa traxectoria profesional en Mallorca-, será o encargado de abrir este primeiro taller, no que estará tamén acompañado nos fogóns por Miguel Mosteiro. Elaborará un típico trampó mallorquino de garavanzos, como primeiro prato, un frito insular mariñeiro, de segundo e, para terminar, uns robiols recheos, un doce mallorquino tradicional da época de Pascua e Nadal, caracterizado pola súa forma de media lúa.
As receitas estarán dispoñibles, despois de finalizada cada sesión, na páxina web do centro www.ccarousa.com.











