publicidade hoxe

O Burela cumpre expediente ante un pechacancelas valente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportes
A-
A+
Encontro Burela - Bilbo

Encontro Burela – Bilbo

O Burela FS Pescados Rubén cumpriu co previsto na 21ª xornada de Primeira División RFEF, impoñéndose ao pechacancelas, Tecuni Bilbo FS (4-2), que chegou a Vista Alegre con valentía, aínda que sen xerar demasiado perigo.

As pupilas tiveron o balón e o dominio do partido e das ocasións de gol. Antes de cumprirse o segundo minuto de xogo, Gaby dispuxo da primeira oportunidade a pase de Shiori nun disparo que saíu desviado. Poucos segundos despois, Bea Mateos, soa ante Sandra non puido controlar. No 5, Gaby, asistida por Bea, fallou ao bordo da liña de meta. O gol tiña cor laranxa e no minuto 7 non se resistiu; Peque materializou a pase de Maite, vantaxe que ampliaba no 8 Taina. Superado o ecuador da primeira parte, as visitantes souberon aproveitar nas zapatillas de Diana dous agasallos das mariñás para igualar a contenda, a balón parado tras faltas locais, nos minutos 13 e 18. Pero era de xustiza e o Burela FS volveu distanciarse a falta de 50 segundos para o descanso, de novo con firma de Peque.

Reiniciouse a cita na bomboneira coa mesma dinámica, aínda que con imprecisións nos últimos metros por parte das laranxas. Taina, xa no minuto 21, puido subir o 4-2 desde o chan fronte a Sandra, sen éxito. A ocasión máis clara do Bilbo protagonizouna Vicky no 28, ao poste. Na recta final da cita, as burelistas intensificaron os seus dardos envelenados; tras unha oportunidade de ouro de Bea Mateos asistida por Maite, no minuto 37, o conxunto visitante optou por xogo de cinco con Eva á fronte, pero saíulle mal. Shiori apoiou a Maite, no 39, para subir o definitivo 4-2. Nos últimos segundos aínda dispuxo o Pescados Rubén dunha ocasión a porta baleira.

A peor noticia do hoxe para o Burela FS Pescados Rubén foi un golpe na tibia sufrido por Lara durante o quentamento. Toca esperar para saber o alcance da lesión.

14 de marzo de 2015 | 23:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.