O BNG de Lugo mostra as súas condolencias á familia de Cacharro
O BNG de Lugo mostrou as súas condolencias á familia do expresidente da Deputación de Lugo Francisco Cacharro Pardo, quen faleceu este domingo aos 78 anos de idade. Con todo, o Bloque lucense rexeitou, nun comunicado, que a capela ardente de Cacharro se instale no Pazo de San Marcos, sede da Deputación. De feito, desvinculouse das “decisións unilaterais” tomadas polo presidente desta institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro.
Deste modo, o voceiro do BNG na Deputación, Mario Outeiro, se ha demarcado “por completo” das decisións adoptadas por Besteiro. E é que non as comparte, nin no que respecta á instalación da capela ardente de Cacharro na sede da Deputación; nin en relación aos actos institucionais previstos.
“Rexeitamos que se use o Pazo de San Marcos como tanatorio e que esta decisión se tomase sen, nin sequera, consultar ao resto de grupos políticos ou reunir á Xunta de Voceiros”, explicou Mario Outeiro, para recordar despois que “non existen tampouco precedentes na etapa democrática”.
Neste sentido, o Bloque lucense subliñou que o primeiro presidente da Deputación despois do franquismo, Luis Cordeiro, falecido en 2007, “non foi velado no Pazo de San Marcos”.
O BNG NON SUSPENDERÁ A SÚA ACTIVIDADE
Por todo iso, as áreas de Goberno do BNG na Deputación non suspenderán, tal e como avanzou, a súa actividade nos próximos días. Así, seguirán adiante cos actos previstos e programados con anterioridade.
“Non é o momento para facer unha valoración política dos anos de Francisco Cacharro á fronte da Deputación de Lugo, senón unicamente de transmitir as condolencias á familia”, resaltou o Bloque.
Deseguido, considerou que os cidadáns da provincia de Lugo “non queren mirar ao pasado”. “O que queren é que se siga traballando polo futuro”, apostilou Mario Outeiro.
Francisco Cacharro Pardo faleceu a primeira hora deste domingo aos 78 anos de idade. O político lucense arrastraba problemas de saúde polos que permanecía ingresado no Hospital Polusa de Lugo.