O barrio ourensán do Couto acollerá esta fin de semana o I Outlet Couto Centro
O Centro Comercial Aberto Couto Centro, coa colaboración da Concellería de Comercio do Concello de Ourense, organiza o I Outlet Couto Centro, que se desenvolverá dende mañá, venres, día 13, ata o domingo, día 15 de marzo, na Praza da Chave, nas inmediacións do estadio do Couto.
A concelleira de Comercio, Juana Ageitos, e o presidente do centro comercial, Julio Prol, presentaron esta mañá a iniciativa, que pretende promocionar a actividade comercial do barrio, acompañada de actividades lúdicas e culturais dirixidas as participantes de tódalas idades. Unha vintena de comerciantes do barrio exporán os seus produtos, nun espazo que contará con tres zonas: comercial, gastronómica e lecer.
O espazo comercial incluirá expositores de sectores como bisutería, calzado, deporte, estética, complementos, electrodomésticos, entre outros, onde os visitantes poderán realizar as súas compras e aproveitarse de numerosas ofertas e descontos especiais.
Na zona de gastronomía se poderá desfrutar da oferta de tres establecementos hosteleiros e na de lecer, haberá inchables e actividades para que os nenos e as nenas desfruten mentres os/as maiores visitan os expositores.
Tamén haberá tres concertos de grupos ourensáns:
Venres, 13, ás 21:00h.: Álex López e Cristina Eiró
Sábado 14, ás 21:00h.: “Ménage á trois”
Domingo 15, ás 20:30 h: “Soul and Roll”.
O programa de actividades do Outlet durante os tres días será desde as 10:00h, cando abrirán os comercios, ata as 24:00 horas, cando rematarán as actividades de hostalaría











