O alumnado do CEIP de Lérez gravará un vídeo no proxecto Ponte a Europa
Mañá, xoves 19 de marzo, vinte e dúas nenas e nenos de 3º ciclo do CEIP San Bieito de Lérez gravarán un vídeo en diversos lugares da súa parroquia, dentro do programa Ponte a Europa. A gravación servirá para presentar a súa contorna aos outros participantes no proxecto, a través da plataforma http://ponteaeuropa.gal./ Entre as localizacións seleccionadas polo alumnado e o profesorado están a Casa da Cultura desta parroquia, a senda do Lérez e a Illa do Covo. Toda a gravación terá ao Padre Feijoo, importante persoeiro de Lérez que lle dá nome a este centro de ensino, como protagonista e narrador.
As gravacións realizaranse en tres quendas que partirán do CEIP de Xeve, guiadas polo profesorado de 3º ciclo de Xeve e pola creadora dixital Palmira Castro Marcote. O primeiro grupo gravará unha entrevista con Pepe Solla, da asociación Cedofeita, ás 10 horas na Casa da Cultura de Lérez. Simultaneamente outro grupo estará no Mosteiro de San Bieito de Lérez e, ás 11 horas, un terceiro grupo traballará na senda do Lérez e a Illa do Covo.
A semana que vén rematarán as gravacións co alumnado de Campañó. Ponte a Europa é unha iniciativa innovadora impulsada pola Concellaría de Normalización Lingüística para dinamizar o uso da lingua galega a través de conversas e narración multimedia entre os escolares de 5º e 6º de primaria dos CEIP Lérez, Xeve e Campañó e oito universitarios europeos estudantes de lingua galega, pertencentes as universidades de Oxford, Birmingham, Varsovia, Zadar, Berlín, Cork e Helsinki.
Ponte a Europa é un proxecto de normalización lingüística e intercambio cultural virtual, construtivo e colaborativo arredor da lingua galega, onde rapaces de Pontevedra e mozos e mozas de sete universidades europeas poderán intercambiar e construír experiencias da vida cotiá no seu ámbito, así como coñecer outros xeitos de vida, tendo como elemento motivador a normalización da lingua galega.
Os eixos centrais do programa están a ser o uso, a posta en valor e a difusión da lingua e cultura galega entre a mocidade e dende a mocidade; o coñecemento doutros lugares de Europa a través da lingua galega e o uso responsable e crítico da tecnoloxía, así como a construción colaborativa de contidos web e multimedia. As distintas actividades do programa teñen o galego como única lingua de comunicación, co fin de impulsar o uso do galego entre o alumnado de Pontevedra, incentivar a reflexión sobre a utilidade da lingua e valorar o galego como unha fonte de riqueza lingüística e de identidade que abre as portas a un universo infinito de coñecementos e á comunicación con moitos países fóra de Galiza.
O obxectivo xeral de Ponte a Europa é a mellora da competencia lingüística do alumnado na lingua galega durante todo o proceso e a posta en en valor do patrimonio cultural, inmaterial e dixital deses núcleos e así adiantar un paso máis no proceso de normalización lingüística. Ademais, busca contribuír á posta en valor e favorecer un sentimento de orgullo e de defensa do galego entre a mocidade e os seus familiares, así como dos seus xeitos de vida, por moi diferentes que sexan, a posta en valor da vida cotiá no rural galego como elemento motivador para a creatividade e as actitudes activas e contribuír ao uso e manexo da tecnoloxía. Para potenciar o uso do galego en todo o proceso trabállase o seu valor como elemento de identidade, o uso nos distintos ámbitos da vida cotiá e en espazos cos que se identifica o alumnado participante. Para dinamizar o uso da lingua é importante contribuír a desenvolver a conciencia lingüística borrando prexuízos lingüísticos detectados cara á lingua galega e buscar fórmulas de actuación para subliñar o valor da nosa lingua como identidade e a posibilidade real de ser usado en calquera contexto. Ao longo do programa trabállase o coñecemento da cultura actual galega e de tendencia que poida ser inspiradora para o alumnado participante; a divulgación do patrimonio inmaterial e cotiá da vida no rural galego a través dos ollos do alumnado e dos contidos que poidan crear, como elemento para a posta en valor da realidade que os rodea. Utilízase como canle a conversa multimedia en galego con mozos e mozas moi afastados xeograficamente, culturalmente e socialmente, mais que aposta por estudar o galego.
Para acadar os obxectivos o programa esténdense ao longo de cinco meses con:
1. Cinco sesións nos centros educativos en horario escolar, onde se traballará en galego cunha proposta clara: a dinamización do uso do galego partindo da divulgación cultural da realidade, amosando e divulgando o que se fai en Galiza nos diferentes ámbitos de maneira motivadora para o alumnado.
2. Un blog didáctico dirixido (http://ponteaeuropa.gal./), como ferramenta con contidos que abranguen a divulgación de proxectos e propostas creativas galegas de tendencia; o proceso do proxecto a través da fotografía e vídeo; os contidos elaborados polo alumnado en diversos formatos e as conversas, reflexións e debates que poidan xurdir das tarefas presentadas.
O blog será o elemento vertebrador de toda a acción educativa; axudará a establecer un diálogo continuo entre docente e alumnado, e entre o alumnado de Pontevedra e os mozos e mozas de Europa.
3. O seguimento en liña das actividades durante os meses de duración do proxecto empregando como ferramenta o correo electrónico, e o blog.
4. A elaboración dun documental que de conta do proceso de todo o proxecto e a tarefa creativa do alumnado.
Todos os contidos estarán dirixidos e titorizados por persoal con experiencia na dinamización de colectivos.