O alcalde de Vigo ofrece a Feijóo 34 espazos municipais para plantar máis de 17.000 árbores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

A resposta á oferta do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen manifestou que invertería nun bosque en Vigo se o Concello cedía os terreos, non se fixo esperar, e o alcalde, Abel Caballero, ofreceu este venres ata 34 espazos municipais para que o goberno galego plante 17.225 árbores.

Nunha rolda de prensa, Caballero volveu insistir en que, se a Xunta inverte 300.000 euros na plantación dun bosque en Santiago, a cidade olívica debería recibir, para o mesmo proxecto, unha cantidade de 900.000 euros, habida conta de que “Vigo é tres veces Santiago”.

“Cando o escoitei dixen ‘a por iso”, indicou o alcalde para, a continuación, enumerar un por un os espazos nos que se poden plantar árbores en Vigo. Pero Caballero foi máis alá, e propuxo non só os lugares, senón o número e especie de árbore en cada espazo.

Así, propuxo 200 carballos en Navia; 150 ameneiros, bidueiros e abeleiras en Castrelos; 100 camelios en O Castro; 200 castiñeiros no parque da Guía; 100 ginkgos e liquidambar no parque María Xosé Queizán; 200 piñeiros en Samil; 50 magnolios en Rivera Atienza; 50 cerdeiras na Miñoca… e así ata 34 espazos e 17.225 árbores de máis de 15 especies diferentes.

O rexedor explicou que enviará a súa proposta “agora mismito” ao presidente galego, e o instou a “que empece mañá, ou o luns”. “A pa póñoa eu, e que veña el a plantar o primeiro”, proclamou.

13 de marzo de 2015 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.