O alcalde de Ponte Caldelas asina cos veciños de Paradela o convenio para reformar a Casa do Pobo

O alcalde de Ponte Caldelas na sinatura do convenio
O alcalde de Ponte Caldelas asinou a pasada semana o convenio de colaboración entre o Concello de Ponte Caldelas e a Comunidade de Montes de Paradela para financiar a reforma integral da casa do pobo de Paradela, cunha subvención de 21.000 euros. O alcalde incluíu esta cantidade no presuposto de 2015 como subvención nominativa para poder reformar integramente esta construción que se encontraba nun estado case ruinoso.
Ao ser unha construción de titularidade veciñal e non municipal a única forma que ten o Concello para colaborar é mediante unha subvención nominativa. No presuposto de 2015 tamén se prevén outras subvencións para distintas reformas nas casas o pobo de Buchabad, Barbudo, Vilarchán e Rebordelo por un importe total de 54.700 euros, incluíndo a de Paradela.
Está previsto que as obras se inicien durante o presente mes de marzo e que se finalicen antes do verán. A actuación considera a reforma da cuberta, o acondicionamento do pequeno local de reunións coa renovación de instalacións eléctricas e de fontanaría, así como o baixo destinado a almacén e baño. Tamén se acondicionará o patio de entrada a esta casa cun muro perimetral aproveitando a pedra existente e eliminando un vello galpón de bloques que existía neste. Así quedará máis espazoso e poderá ser utilizado para actividades cando non chova.
O alcalde Perfecto Rodríguez comprometérase cos veciños de Paradela que se arranxaría esta casa do pobo nesta lexislatura. A crise económica e as esixencias de estabilidade presupostaria non permitiron abordar esta actuación nos anos anteriores, pero nesta primavera de 2015 será xa unha realidade.











