O alcalde de Lugo felicita a Paula Prado polo resultado das indagacións xudiciais
O alcalde de Lugo, José López Orozco, aproveitou unha comparecencia pública para “felicitar” a deputada do PPdeG e exvoceira deste partido Paula Prado, tras concluír o instrutor o sumario sen atopar “a comisión de delito ningún”.
“Quería felicitar a dona Paula Prado polo resultado das indagacións xudiciais que se fixeron sobre a súa persoa. A miña felicitación a dona Paula Prado”, destacou este xoves.
En concreto, o maxistrado instrutor do procedemento incoado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra Paula Prado concluíu o sumario sen atopar “a comisión de delito ningún” por parte da política popular, a causa da cal foi elevada dende o xulgado que instrúe a ‘Operación Pokémon’ ao alto tribunal galego ao ser aforada.
Orozco dixo a mediados de febreiro que xa se ve “desimputado” á vista de “todo o que vén no sumario” da ‘Pokémon’, na que está sendo investigado por supostos delitos de suborno e tráfico de influencias.
E é que un informe de Alfándegas, tras analizar as contas bancarias do rexedor e do seu cónxuxe, así como nas que figuran as súas dúas fillas, concluíu que “non se observan incrementos de patrimonio inxustificados” que “puidesen derivar do cobramento de comisións ou outros fondos de orixe descoñecida” por parte do primeiro edil.











