O alcalde de Ferrol entregará ao pintor Jose María González Collado a distinción de fillo predilecto da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidirá mañá sábado, día 7 de marzo, o acto institucional de entrega da distinción de Fillo Predilecto de Ferrol ao artista José González Collado, figura fundamental da pintura ferrolá no último século, en recoñecemento a súa ampla e fructífera obra pictórica así como a extraordinaria traxectoria artística e o seu compromiso coa cidade. O acto institucional terá lugar no Pazo Municipal, a partir das 12:00 horas.

O conxunto da Corporación Municipal de Ferrol acordou, en sesión plenaria celebrada o 27 de novembro de 2014 conceder a González Collado a máis alta distinción que a cidade outorga ás persoas nadas na mesma. Jose Manuel Rey Varela destacou hoxe que este artista ferrolán “é memoria presente de case un século da nosa cultura”. Así mesmo, o rexedor municipal fixo fincapé no feito de que “a nosa cidade é o marco da maior parte da súa obra e, sobre todo, os seus murais forman parte da paisaxe sentimental de Ferrol e comarca”.

Jose Manuel Rey Varela resaltou tamén que González Collado “levou o nome de Ferrol ao longo de toda a súa traxectoria artística por cidades tan importantes como Madrid ou París a través de exposicións internacionais e recibindo numerosos premios e recoñecementos pola súa obra pictórica”. Por último, o alcalde lembrou que este artista fixo unha cesión en depósito ao Concello de parte da súa obra.

6 de marzo de 2015 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.