O alcalde da Coruña pide pasar aos feitos probados na investigación
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, instou a pasar “das conxecturas os feitos probados” na ‘Operación Pokémon’, que instrúe a xuíza instrutora Pilar de Lara Cifuentes e na que se investiga supostas adxudicacións irregulares ao grupo Vendex.
“Son os mesmos feitos e, sobre eles, constrúense novas conxecturas”, sentenciou o rexedor, despois de que, nun auto do 16 de marzo, a xuíza sosteña que o tenente de alcalde da Coruña, Julio Flores, non actuaría de forma illada na súa suposta mediación para enchufar persoal en dependencias municipais.
Ao respecto, sostén que “o faría co posible coñecemento e consentimento dos seus compañeiros de goberno, incluído o propio alcalde, Carlos Negreira”.
A preguntas dos xornalistas sobre este último auto, o alcalde mostrouse disposto a “colaborar todo o posible” coa xuíza que investiga o caso.
Ademais, ao ser preguntado se lle gustaría declarar, precisou que a el lle gustaría “que se pase das conxecturas a feitos probados, que o proceso xudicial siga o seu curso e a investigación determine cáles son os feitos probados”.
SUPOSTAS IRREGULARIDADES
Mentres sobre os correos electrónicos aos que se alude na investigación -que, entre outros aspectos, sostén que, aparecen un total de 46 persoas respecto das que se solicita mediación a Julio Flores- afirma que, no seu caso, recibe “miles de correos ao longo do ano”.
“Non teño coñecemento de ningunha irregularidade porque se tivese coñecemento se denunciaría onde ten que denunciarse”, recalcou o rexedor despois de que a xuíza conclúa que “de forma continuada, José María Tutor enchufa persoas recomendadas por xente do novo goberno municipal (xurdido das eleccións municipais de maio de 2011), para ocupar postos de traballo en servizos públicos adxudicados por ese Concello ao Grupo Vendex”, engade no seu auto.
En concreto, a maxistrada sinala que nas dilixencias instruídas “aparecían conversacións telefónicas que revelan como distintas autoridades, concelleiros e funcionarios solicitaban a José María Tutor Lemos”, delegado de Vendex en Galicia, “a contratación de persoal nas súas empresas”.











