O alcalde da Coruña anuncia a execución de melloras na mobilidade e na seguridade vial dos alumnos dos centros educativos da Zapateira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+
Presentación das actuacións que se realizarán na Zapateira

Presentación das actuacións que se realizarán na Zapateira

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado do presidente da Deputación, Diego Calvo, presentou esta mañá unha serie de actuacións que se realizarán na Zapateira co obxectivo de favorecer a mobilidade no ámbito do campus universitario e do colexio dos Franciscanos e, sobre todo, mellorar a seguridade vial dos estudantes. A través dunha intervención conxunta entre ambas as dúas administracións, Negreira anunciou que nos próximos días se eliminará o tapón existente na rúa María Ana Mogás -para mellorar o acceso dos autobuses ao centro educativo- e empezarase a construción dun carril de espera na DP-3006 (avenida de Nova York) para facilitar o xiro á esquerda dos condutores que circulan en dirección baixada e, polo tanto, o acceso a este colexio e á Universidade.

O alcalde destacou que as obras que desenvolverán de xeito coordinado o Concello e a Deputación atenden a unha vella demanda das institucións académicas. Negreira sinalou que, tras a apertura da Terceira Rolda, a DP-3006 xa non será unha vía alternativa de comunicación para os condutores que, ata agora, accedían á Terceira Rolda por A Zapateira. Deste xeito, as actuacións programadas enfócanse para a mellora da seguridade vial e dos escolares, co obxectivo de que estean rematadas ao longo do próximo mes de abril.

O Concello eliminará o tapón urbanístico de María Ana Mogás, coa retirada do montículo de pedra existente que provoca o estreitamento desta rúa onde se sitúa o colexio dos Franciscanos e que une a avenida de Nova York coa rúa Lisboa. Co posterior asfaltado da superficie que quede liberada, o alcalde destacou que se favorecerá o acceso dos autobuses ao centro educativo e, en definitiva, se mellorará a seguridade vial dos alumnos (o colexio dos Franciscanos conta na actualidade con máis de 1.000 escolares).

Carlos Negreira tamén agradeceu a “colaboración” da Deputación coruñesa, pois esta “cooperación” co Concello tamén contribúe á mellora da fluidez do tráfico e a seguridade viaria. Así, o Goberno provincial modificará a intersección da DP-3006 coa rúa María Ana Mogás. En concreto, habilitarase un carril de espera na zona central da calzada -actualmente, a avenida de Nova York conta cun carril en
cada dirección-.

Este proxecto permitirá o xiro á esquerda aos condutores que circulen en sentido baixada, cara A Coruña, pola DP-3006 e, deste xeito, acceder ás rúas María Ana Mogás e Lisboa. Ademais, supoñerá unha mellora considerable neste punto de circulación, onde na actualidade existe un carril de suba e outro de baixada. Ata agora, os vehículos que baixaban pola avenida de Nova York e se querían desviar a esquerda obrigaban a parar o resto de condutores que querían continuar pola DP-3006 en dirección á cidade.

O Concello tamén se encarga de realizar outras actuacións de mellora de mobilidade no ámbito, como son a conexión de pasos de peóns na entrada do colexio, a mellora da sinalización vertical e o reforzo da senda peonil mediante sinalización horizontal, así como a colocación de delimitadores de carril para asegurar a separación e respecto do espazo destinado a tránsito peonil de nenos e nenas do colexio.

11 de marzo de 2015 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.