publicidade hoxe

O albergue das Sinas estrea instalacións e comeza a funcionar por primeira vez fóra da tempada de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilanova de Arousa
A-
A+
Beatriz Mato na visita ás novas instalacións

Beatriz Mato na visita ás novas instalacións

O albergue das Sinas estrea este ano a mellora e acondicionamento das súas instalacións, coincidindo coa conmemoración do 70 aniversario da súa fundación. Os traballos, nos que a Consellería de Traballo e Benestar investiu 265.000 euros, centráronse na renovación da pista deportiva, na mellora e reparación da estrutura e das cubertas, na actualización da instalación eléctrica, e na mellora da súa accesibilidade.

A titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, achegouse hoxe ata Vilanova de Arousa para coñecer de primeira man o resultado destas obras nun centro, que “ocupa un lugar principal” entre todas as infraestruturas xuvenís coas que conta o Goberno galego.

A reforma do albergue enmárcase no Plan de mellora das instalacións xuvenís de Galicia, que se leva desenvolvendo desde 2013, e que conta cun investimento global de máis de 700.000 euros.

Ademais dunhas instalacións reformadas, As Sinas incorpora este ano outra novidade: por primeira vez funcionará fóra dos meses de verán. O Goberno autonómico ofertou en 2015 por primeira vez a posibilidade de usar os albergues entre o presente mes de marzo e a primeira metade do mes de xuño. O obxectivo é que durante este tempo poidan acoller actividades de educación non formal.

En canto á campaña de verán, que se desenvolve nos meses de xullo e agosto, o albergue de Vilanova volver ser un dos máis relevantes, grazas a un oferta que ascende ás 600 prazas: 480 xestionadas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e 120 correspondentes á oferta concertada.

Ao respecto, Mato sinalou que este ano reforzouse de nova a campaña de verán en toda Galicia –para a que está aberta o período de inscrición-, grazas a un investimento de 2,4 millóns de euros, un 4,5 por cento máis que no exercicio anterior. En total, ofertará 8.530 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo, un 3,2% máis que en 2014.

Esta iniciativa, ademais de ofrecer un recurso de ocio educativo e tempo libre “de primeiro nivel”, dá traballo a máis de 900 monitores e directores de campamentos, “na súa maioría xente nova”, segundo apuntou a conselleira.

Liñas de colaboración

Con todo, Mato quixo precisar que a colaboración co concello de Vilanova de Arousa non se limita tan só a este albergue xuvenil. En concreto, destacou que hai máis liñas de colaboración abertas, tanto no eido laboral como social.

Só en 2014 o investimento nestas dúas áreas na localidade superou os 200.000 euros. A cifra, se se computa desde 2009, achégase aos 3 millóns de euros.

27 de marzo de 2015 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.