O “1º Enduro Concello da Laracha” celébrase o 22 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Presentación da proba deportiva

Presentación da proba deportiva

A primeira edición do trofeo de enduro “Concello da Laracha” celebrarase o vindeiro domingo día 22 de marzo baixo a organización do propio Concello e do Moto Club Norte Motor, do que son máximos responsables os laracheses, José Luis Remuiñán –presidente-, e o seu fillo, Daniel Remuiñán Graña.

A proba foi presentada hoxe no Salón de Plenos municipal, nun acto no que o alcalde, José Manuel López Varela, mostrouse “orgulloso de poder acoller este evento e que A Laracha sexa durante esa fin de semana a capital galega do enduro”.

O “1º enduro Concello da Laracha” será a segunda proba puntuable para a Liga Galega de Moto de Campo e a única que se celebrará na provincia da Coruña ao longo do ano 2015.

A previsión da organización é superar os 150 participantes en todas as categorías nas que se competirá e diferenciadas entre os pilotos de maior nivel (pro), os amateur, sub-21, veteranos e tamén féminas.

O 22 de marzo ás 9:00 horas realizaranse na Casa Consistorial as verificacións administrativas correspondentes. Os participantes sairán da Praza do Concello ás 11:30 horas en dirección ao parque empresarial, lugar onde se desenvolverá a competición cronometrada nos dous circuítos deseñados pola organización. Ademais, xa fora de concurso, os participantes terán ocasión de disfrutar dun percorrido de monte que discorrerá esencialmente polas parroquias de Lendo, Lemaio e Cabovilaño.

José Manuel López Varela agradeceu “o esforzo dos organizadores” que servirá para “ofrecer unha interesante alternativa de ocio para a veciñanza en xeral” e“encher de vida o municipio, favorecendo o movemento económico durante a fin de semana, especialmente nos locais de hostalería”.

José Luis e Daniel Remuiñán mostráronse “agradecidos ao Concello da Laracha pola súa colaboración”, afirmando que puideron solucionar “todos os lóxicos problemas que xorden ao deseñar un evento destas características”.

A entrada para o público que desexe asistir a presenciar o “1º enduro Concello da Laracha” será gratuíta. A organización, como medio para financiar o evento, instalará unha cantina no parque empresarial na que haberá a venda bebidas e alimentos.

12 de marzo de 2015 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.