publicidade hoxe

Nova estrea do Chanfaina ‘Lab con “Forgoselo (Granito)” de Alberte Pagán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Alberte Pagán é un creador inclasificable. Mira o que quere e como quere sen axustarse a ningunha norma agás a que lle marca o seu interese por retratar a realidade, unhas veces social, outras contemplativa e sempre experimental. O autor achegou ao proxecto Chanfaina Lab a terceira entrega da serie “Superficies”, plasmando neste caso o granito do Forgoselo, que se realimenta nunha proposta visual e sonora a xeito de espellos infinitos. Cinema protagonizado por penedos, reflexos, riscos… e moito risco no concepto.

Pagán marchou aos ermos do Forgoselo para enchouparse da esencia desta paraxe morada case en exclusiva polo gando, o monte baixo, a rocha e as andaravías. Alí filmou pacientemente as texturas das penas para despois proxectalas nunha superficie granítica, gravándoas novamente para ter a materia prima da súa creación. Granito sobre granito. Luz electrónica sobre luz real captada á súa vez por un aparello electrónico que nos mostra texturas sorprendentes ao compás dos muíños de vento, aproveitados polo autor como metrónomo dun ritmo narrativo case estático no visual. 

Esta é só unha interpretación das ducias que se poden extraer de catro minutos dun video arriscado que cómpre mirar tentando empatizar coa ollada particular de Alberte Pagán. A ficha da peza en Fálame de San Sadurniño é tallante “non hai nada que entender, porque vai máis aló da epiderme da paisaxe para volvernos ao máis telúrico e primitivo da Terra: a textura do granito, a base sobre da que se constrúe o territorio e a historia”.

Alberte Pagán é unha figura relevante da cultura galega contemporánea, mais tamén do cinema experimental en España. Poeta, ensaísta -referente no cinema do gurú pop Andy Warhol -, cineasta e activista político desde a disidencia constante, a curiosidade e o talento de Pagán non teñen límites como se pode comprobar a través da súa prolífica traxectoria en mais de 20 filmes. Son sempre exploracións radicais e persoais que alentan vida propia. A través delas investiga maneiras, universos, tempos e alternativas de ser ou estar en Galicia, mais tamén nos currunchos do planeta que percorre incansablemente coa súa cámara.

“Forgoselo (Granito)” é a última peza estreada en youtube como resultado do proxecto audiovisual colaborativo Chanfaina Lab no que participaron unha vintena de creadores e creadoras galegas. Cada venres a web Fálame de San Sadurniño vai publicando unha curta a xeito de pase virtual das múltiples miradas sobre o noso territorio. Cómpre lembrar que todas elas están dispoñibles para que as entidades do municipio poidan proxectalas dentro da súa programación de actividades. Abonda con que contacten coa Aula CeMIT para poñer día e hora. Ademais, o próximo 20 de marzo o proxecto e a maior parte das pezas que a compoñen chegarán ao CGAI.

6 de marzo de 2015 | 12:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.