Nova edición do concurso gastronómico ‘Cigarrón de Verín’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O sábado 21 de marzo, a partir das 10.15 horas, o Pavillón Municipal de Deportes de Verín acollerá a realización da oitava edición do concurso Cigarrón de Verín, destinado a ser un referente gastronómico, así como a relanzar os produtos e viños da comarca de Monterrei.

O concurso, de carácter libre, atópase dividido en dúas categorías diferenciadas: alumnos/as de escolas de hostalería – profesionais da restauración e afeccionados/as. O número de participantes será dun máximo de dous por receita, os pratos presentados deben ser de creación propia e englobarse nun dos seguintes dous apartados: prato principal e sobremesas (son os mesmos apartados para as dúas categorías, e no apartado de prato principal o ingrediente básico debe ser cabrito ou bacallau, e ir acompañado dunha guarnición característica da zona)-. Ademais, cada participante debe elixir o apartado no que compite, podendo presentar unha única candidatura, elaboralo en show cooking -cociña en vivo, diante do público, e con explicación ao xurado- e maridalo con viño da D.O. Monterrei.

Elaboración, degustación, presentación, maridaxe e utilización de ingredientes da zona -mínimo tres- serán son os criterios esixidos polo xurado para puntuar os pratos participantes, que optarán aos premios Gran Cigarrón -para o plato principal tanto na categoría alumnos/as de escolas de hostalería – profesionais da restauración como a de afeccionados/as, é dicir, dous galardóns dotados cada un con 400 euros- e Cigarrón Doce -na de sobremesas, tamén para as dúas categorías de participantes, e cun valor de 200 euros cada un-. Os/as interesados/as en participar no concurso ‘Cigarrón de Verín’ deben formalizar as súas inscricións antes do 17 de marzo, ata as 14 horas, no Concello de Verín ou no fax 988-411900.

2 de marzo de 2015 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.