Na reforma dos parques infantís da Xunqueira e Miguel Hernández reutilizáronse xogos existentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os proxectos de reforma de varios parques infantís do municipio executados ao longo deste mandato polo Concello de Vilagarcía incluíron a reutilización dos xogos en bo estado ou que se podían reparar. No marco das políticas de aforro e aproveitamento de recursos, este criterio seguiuse nos parques Miguel Hernández e na Xunqueira, ao igual que se está aplicando agora na reforma do Piñeiriño, sen que en ningún dos casos anteriores se recibiran críticas por unha xestión que pretende mellorar as instalacións sen malgastar cartos.

Ante as queixas dalgúns veciños do Piñeiriño pola reutilización dos elementos de xogos unha vez restaurados convenientemente, o goberno local indica que na zona do Miguel Hernández dos máis cativos, conserváronse os elementos existentes e incluso se aproveitou unha cesta rehabilitada e que fora retirada de Vilaxoán por ser obxecto reiterado de actos vandálicos. Tamén se aproveitaron varios dos xogos dunha das zonas infantís da Xunqueira, a remodelada ultimamente. Como se fixo aquí e se fará no Piñeiriño, os elementos repáranse, cámbianse as pezas en mal estado, adecúanse as normas de seguridade europeas, píntanse e barnízanse, polo que quedarán como novos tanto á vista como para o uso.

Aprobado polos usuarios doutros parques

O equipo de goberno lamenta que a algúns veciños do Piñeiriño non aproben a práctica de uso racional dos recursos que se aplicou noutras partes do municipio e que non mereceu ningunha crítica en outras partes do municipio. Ademais, esta medida xa se anunciara en numerosas ocasións dende o Concello, advertindo que os elementos retirados se aproveitarían para reinstalar noutras zonas do municipio onde fora preciso, ao igual que se fai co mobiliario urbano.

O executivo local rexeita as acusacións de discriminación para o barrio do Piñeiriño, e argumenta que fíxose un esforzo moi grande por tratar de atender as necesidades do barrio, nun momento non que os recursos económicos eran moi limitados para resolver as problemáticas que afectan a todo o municipio e que, aínda así, tratouse de chegar ao maior número de lugares priorizando as actuacións do Plan Municipal de Investimentos.

O goberno entendeu a necesidade de mellorar o parque do Piñeiriño, en precario estado tras moitos anos de práctico de abandono. Precisamente esa falta de actuación durante tanto tempo fai necesario un investimento maior que en outros parques de aí que o proxecto que se está realizando alí precise case 100.000 euros de inversión, mentres que o do Miguel Hernández custou 70.000 euros, e os da Xunqueira 60.000 e 20.000 euros.

Esta tamén foi a razón pola que o montante se destinara primeiro de nada a resolver os graves problemas de accesibilidade que presentaba o parque así como de seguridade da zona de xogos que ni tan sequera cumpría as distancias de seguridade para evitar que os nenos se magoasen. Ademais, no proxecto inclúese tamén a dotación de caucho na zona infantil e a actuación na zona deportiva, que tamén precisaba de melloras.

Tamén a falta de mantemento e actualización durante anos foi a causa pola que, aínda destinando máis cartos, xa dende un primeiro momento, e como se lles dixo aos propios veciños na visita de inicio das obras, estas suporían unha primeira fase que tería continuidade máis adiante coa instalación de novos xogos e estruturas na zona do prado, canto tamén se recollerá a instalación de aparatos deportivos para as persoas maiores.

Por último, o equipo de goberno insiste nas manifestación realizadas onte, nas que lamentaba que os veciños promotores da queixa non trataran de aclarar as dúbidas cos concelleiros antes de convocar actos de protesta por causas infundadas.

13 de marzo de 2015 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.