publicidade hoxe

Música tradicional e deportes daranse cita na Feira do Lázaro e Certame Gastronómico “Vila de Verín” 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioVerín
A-
A+

Ao longo das tres xornadas da Feira do Lázaro e Certame Gastronómico “Vila de Verín” 2015 os recintos do complexo deportivo de A Granxa e o Pavillón Municipal de Deportes -no que se celebrará a feira de artesanía e gastronomía- acollerán torneos deportivos e actuacións de música tradicional para todos os públicos.

Durante a xornada do 20 de marzo, terán lugar a partir das 12 horas, coincidindo coa inauguración da Feira do Lázaro e Certame Gastronómico “Vila de Verín”, as actuacións da Banda de Gaitas do Concello de Verín e do Projecto Enraizarte. Unha actuación que simboliza a unión dos municipios de Chaves e Verín a través das súas músicas e cantares tradicionais. A Banda de Gaitas do Concello de Verín, dirixida por Xoán Carlos Álvarez, foi fundada no ano 1997 e desde o seu inicio ten participado en eventos musicais tan salientables como o Festival Internacional de Ortigueira (catro actuacións) ou no Internationales Dudelsack Vestival (Strakonice, República Checa), ademais de eventos en Valencia, Madrid, Salamanca, León, Valladolid ou Alacante, entre outras, sen esquecer a súa participación en concertos e festivais de boa parte das cidades e vilas da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal (Sendín, Macedo dos Cabaleiros, e Braga, Bragança, Mirandela, Vila Real ou Lisboa).O currículo desta agrupación musical no aspecto competitivo é salientable, conseguindo entre os anos 1998 e 2001 pasar da cuarta á primeira división da Liga Galega de Banda de Gaitas, categoría na que competiron desde ese ano até que deixaron de participar por propia iniciativa. No Campionato da Liga Galega de Bandas de Gaitas clasificáronse en terceira posición no ano 2003, e a sección de percusión conseguiu o subcampionato no ano 2005. Tamén gañaron no ano 2005 o Trofeo de Bandas de Gaitas “Avelino Cachafeiro”, do que xa foran subcampións nos anos 2001 e 2004. O repertorio que presentan componse nos pasarrúas de ritmos binarios, como alboradas, pasodobres, polcas e marchas. Está conformada por 25 gaiteiros e 10 percusionistas (tambores, bombo e pandeiretas). A indumentaria que utilizan está inspirada nos traxes do gaiteiro e do percusionista do Belén do Santuario de Nosa Señora dos Remedios de Vilamaior do Val-Verín, tallas en madeira policromada datadas en 1626. O Projecto Enraizarte, organizador do Flaviafest, naceu no ano 2008 da man de tres mozos con formación en gaita, caixa e bombo. Desde ese momento e ata hoxe, as raíces estendéronse a un total de 11 músicos que, asentada nunha sonoridade orixinal e complexa, na que o denominador común é a identidade da música tradicional. Cunha linguaxe que deriva desde a ortodoxia ata o experimentalismo, pasando polo jazz, reggae ou rock, posúen un estilo ecléctico e diferenciado, con recreación de temas tradicionais e outros orixinais unidos pola alma transmontana. Participaron en diversas feiras medievais como é o caso de Chaves; Vila Real e Monção, así na Sexta-feira 13 en Montalegre, Guimarães Capital da Cultura 2012, Vila Real, Porto o na “”Festival da Lusofonia” en Francia.

Nesa mesma xornada, pero a partir das 19 horas, o pavillón feiral acollerá a actuación dos Gaiteiros de Flariz. Unha formación constituída fai cinco anos e integrada exclusivamente por veciños desta localidade de Monterrei. Interpretan temas tradicionais e xa teñen participado en diversos concertos como a Xunta Internacional de Gaiteiros.

Durante o domingo será a quenda para a Associação Banda Musical de Vila Verde da Raia, que ademais de participar na procesión e misa en honra a San Lázaro, realizarán un concerto a partir das 17 horas no pavillón feiral. Trátase dunha formación ao servizo dos habitantes desta poboación lusa desde o 06 de outubro de 1860. A principios do século XX, esta banda conformada polo ‘Grupo dos quatorze’, tivo un novo impulso co apoio de Manuel Lima “ O Touro”, Joanaz, Zé Bento, António Soqueiro. Entre os que pasaron pola mesma destacan os compositores Jerónimo Bragança, José Joaquim da Silva, António Carvalho (O Farinhas), Carlos Emidio Pereira, autor da música da marcha desta localidade co título ‘Terra Nossa’, cuxo poema é autoría da poetisa Maria Nelson. A mesma foi declarada Entidade de Utilidade Pública o 02 de xullo de 2012. E xa a partir das 19 horas, terá lugar a actuación da Banda de Gaitas de Riós, unha formación de música tradicional constituída por dous grupos, un de pandereteiras e outro de gaiteiros, que asentan o seu espectáculo na música cantada e interpretada. Ao igual que as anteriores formacións participaron en diversas actuacións ao longo da Península Ibérica.

Actuacións musicais nas prazas García Barbón e Maior

Ao longo das tres xornadas da Feira do Lázaro e Certame Gastronómico “Vila de Verín” 2015, as prazas García Barbón e Maior tamén acollerán actuacións musicais. Abrirá o programa musical a prestixiosa orquestra Olympus na noite do venres, que lle cederá a quenda na noite do sábado a D’Moda (os dous días a partir de media noite), e xa na a tarde do domingo a actuación de Ritmo Joven pechará as Festas do Lázaro do ano 2015. Ademais, na tarde do sábado, emitirase en directo desde Verín o programa ‘Aquí Galicia’ da TVG, que contará con entrevistas e actuacións musicais de grupos da comarca e do norte de Portugal.

Torneo de Tenis do Lázaro e VI Torneo de Fútbol de Veteranos

Con todo, durante a celebración da Feira do Lázaro tamén haberá tempo para o deporte. Ademais do Torneo de Natación, no que participarán por primeira vez seis equipos da provincia e do norte de Portugal (Piscina Climatizada de Allariz, Clube Nataçâo Chaves, Piscina Climatizada de Xinzo de Limia, Flavitus Nataçâo Clube, Serviocio Ourense e Club de Natación de Verín), tamén terá lugar o Torneo de Tenis do Lázaro e VI Torneo de Fútbol de Veteranos. Os mesmos celebaranse no complexo deportivo de A Granxa na xornada do sábado 21 de marzo. A partir das 9 horas, terá lugar o Torneo de Tenis do Lázaro, no que participarán deportistas de A Rúa, Verín e Xinzo de Limia; e ás 18 horas, disputarase a sexta edición do VI Torneo de Fútbol de Veteranos.

17 de marzo de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.