Mourelo presenta as XXIII Xornadas de Orientación Universitaria e Profesional
O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, presentou esta mañá as XXIII Xornadas de Orientación Universitaria e Profesional que organiza o Concello e a Universidade da Coruña en colaboración co CMIX (Centro Municipal de Información Xuvenil), o SAPE (Servizo de Asesoramento e Promoción do Estudante), as Universidades de Vigo e Santiago e os centros integrados de FP e institutos de Secundaria que imparten ciclos formativos na nosa cidade.
As persoas destinatarias son o alumnado de 4º da ESO, FP e Bacharelato aínda que poderán participar outras persoas interesadas quedan prazas dispoñibles.
Os datos de inscrición a día de hoxe superan cifras de participación de anteriores edicións, xa que para as mesas de FP están inscritos 817 estudantes e para os estudos universitarios 4.940, o que supón un total de 5.757 participantes de Secundaria, FP e Universidade.
“As xornadas ofrecen a oportunidade de coñecer e informarse sobre a oferta de ciclos formativos que se imparten na cidade, os estudos superiores de deseño e arte dramática así como os estudos universitarios ofertados na Comunidade Autónoma de Galicia”, explicou Mourelo, quen detallou que esta semana se desenvolven as visitas aos centros públicos de FP e á mesa dos estudos superiores de deseño e arte dramática. “O número de ciclos que se presentan -explicou- son 80, 26 de ciclo medio e 54 de ciclo superior. Os estudos superiores de deseño e arte dramática son 6”.
Nestas visitas infórmase o sistema de acceso, o contido e as saídas profesionais dos ciclos formativos, e faise un percorrido polas instalacións dos centros onde se imparten.
“As mesas informativas sobre os estudos universitarios serán do 13 ao 17 de abril. Nelas participan as tres universidades públicas galegas: a UDC (Universidade da Coruña), USC (Universidade de Santiago de Compostela) e UVIGO (Universidade de Vigo). En total son 19 mesas nas que se presentan 77 graos universitarios”, explicou o concelleiro.
Así, o día 13 de abril haberá unha mesa na que se informe sobre o acceso á Universidade, as bolsas e residencias universitarias. Esta mesa será impartida por docentes e profesionais da UDC. Tamén se presenta o Servizo de Atención ao Estudante (SAPE), dependente da UDC e o Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX) da Coruña.
No último día das Xornadas informarase dos estudos militares (exército profesional) e policiais (policía local, policía nacional e garda civil).
As solicitudes están a presentarse no propio centro educativo. O docente ten que cubrir a ficha de solicitude específica XOUP 2015 da páxina web educativa municipal www.edu.coruna.es.
As persoas interesadas en participar que non estean inscritas nun centro educativo, ou ás que aínda non o solicitase, aínda poden presentar a solicitude no Centro Municipal de Información Xuvenil.











