Mourelo presenta as novidades do programa Deporte na Primavera 2015
O concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, presentou esta mañá o “completo programa” de actividades que desde a súa área desenvolveranse ata o próximo mes de xuño e “co que se quere fomentar o lecer saudable dos coruñeses e coruñesas de todas as idades en colaboración coas entidades deportivas da cidade”, destacou o edil de Deportes.
En total ofertaranse 4.174 prazas: 1.824 correspondentes a cursos, campus e actividades; e 2.350 correspondentes a eventos deportivos de participación popular con límite de prazas; ademais doutros eventos de participación popular como o decabike ou o tríatlon que non establecen límites de prazas. “O programa Deporte na primavera 2015 é unha aposta do Goberno municipal por ofrecer aos coruñeses a posibilidade de practicar as súas actividades deportivas favoritas ou para achegarse a outras novas impartidas por especialistas co principal obxectivo de fomentar a integración social e o deporte base cos valores que isto representa, como o traballo en equipo, o compañeirismo ou o espírito de superación”, destacou Mourelo.
O responsable de Deportes explicou que, en total, serán 35 actividades nas que se poderá gozar dun total de 34 modalidades deportivas, desde as que gozan dun maior número de seguidores até outros deportes que, cada ano, teñen máis demanda. Así, ofértanse prazas en disciplinas como as seguintes: atletismo, judo, bádminton, natación, baloncesto, patinaxe artística, balonmán, patinaxe en liña, ciclismo, remo, deporte para todos, piragüismo, esgrima, rugby, fútbol, surf, fútbol 7, taekwondo, fútbol sala, golf, tenis, halterofilia, tríatlon, hípica, vea, hockey, windsurf, hockey in line, voleibol, hockey patíns, escalada, multideporte ou natación sincronizada.
Os interesados poden realizar a súa inscrición ata este xoves, 26 de marzo, nas instalacións da cidade deportiva de Riazor, da cidade deportiva da Torre ou no polideportivo municipal do Barrio das Flores; e, online, na páxina web www.coruna.es/deportes. Ademais, tamén se poden realizar, dentro dos seus propios prazos e procedementos, directamente en cada entidade organizadora.
Francisco Mourelo lembrou que Deporte na primavera 2015 propón un amplo abanico de posibilidades ás persoas interesadas en participar en 32 recintos deportivos repartidos por toda a cidade -como Riazor, Adormideras, a Torre, Labañou, Sagrada Familia, Novo Mesoiro, Os Rosales, O Ventorrillo ou o Barrio das Flores, entre outros- “co obxectivo de cubrir todas as zonas da cidade para que chegue a todos a oportunidade da práctica deportiva”, destacou Mourelo, quen indicou que as actividades se desenvolverán en 20 instalacións deportivas municipais, 6 espazos abertos da cidade e 6 instalacións doutras institucións xa sexan da Xunta de Galicia, da Universidade da Coruña ou dalgún centro escolar.
Por outra banda, o edil de Deportes, destacou o incremento no número de entidades colaboradoras co programa deste ano alcanzando as 47. “Este dato vén demostrar o interese deste Goberno municipal por traballar da man coas entidades deportivas para ofrecer as mellores actividades a todos os cidadáns”, destacou e agradeceu o traballo das entidades deportivas da cidade.
Por último, o concelleiro destaco que este programa se completa cun gran calendario de actividades que permitirá reforzar a cidade como capital deportiva do noroeste español “e cumprir co obxectivo de converter A Coruña nun referente, con eventos de calidade e multitudinarios que sirvan para fomentar o deporte e, ao mesmo tempo, contribuír á dinamización do sector turístico”, explicou o concelleiro, quen sinalou algúns dos 64 eventos máis destacados dos próximos meses como o Campionato Galego Absoluto de Bádminton (4 e 5 de abril), a IV Maratón Atlántica Coruña42 (19 de abril) ou a II Festa da Bibicicleta Decabike (3 de maio).











