Monforte súmase á iniciativa mundial “A Hora do Planeta”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+

O concello de Monforte sumarase este sábado día 28 de marzo á iniciativa mundial en defensa do medio ambiente “A Hora do Planeta”. Trátase dunha iniciativa promovida pola asociación ecoloxista internacional WWF, coñecida en España como ADENA, que pretende demostrar o apoio global á acción contra o cambio climático mediante o xesto de apagar as luces durante unha hora.

En Monforte, entre as 20:30 e as 21:30 horas, apagarase a iluminación pública na Praza da Estación, na explanada da Compañía e en San Vicente, incluíndo a Torre da Homenaxe.

Por sétimo ano consecutivo Monforte participa na Hora do Planeta, unha campaña global na que se mostra o apoio da cidadanía, institucións e empresas, na loita contra o cambio climático mediante o xesto simbólico de apagar as luces durante unha hora. Millóns de xestos que lanzan unha poderosa mensaxe de acción conxunta, hoxe máis necesaria ca nunca pola gravidade e certeza de que o cambio climático é a maior ameaza para a natureza e para o ser humano á que nos enfrentamos.

O ano pasado, máis de 250 municipios españois sumáronse á Hora do Planeta, nun evento no que participaron máis de 7.000 municipios e cidades de 162 países, apagando as luces de fogares, oficinas e edificios emblemáticos como a Alhambra, a Sagrada Familia, a Torre Eiffel ou a Cidade Prohibida, entre outros.

O lema desta convocatoria é Usa o teu poder para cambiar o cambio climático.

26 de marzo de 2015 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.