publicidade hoxe

Monforte mostra a súa decepción diante da nova afrenta da Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Ante as informacións aparecidas nos medios de comunicación relativas á denegación do obradoiro de emprego “Rutas verdes no casco histórico de Monforte”, o alcalde, Severino Rodríguez, quere amosar a súa absoluta decepción respecto do trato que a Xunta de Galicia ten con Monforte.

A falta de confirmación oficial, xa son demasiadas as ocasións nas que o Goberno Galego lle nega a Monforte un obradoiro de emprego. En cinco ocasións, entre os anos 2010 e 2015, a Xunta deixou a Monforte sen obradoiro de emprego

Dende o Concello escoitamos argumentos de todo tipo para xustificar que a Xunta de Galicia non lle outorgase á capital da Ribeira Sacra un obradoiro de emprego.

De nada serve que sexamos a poboación con maior número de parados e paradas da zona sur de Lugo, tampouco importa o proxecto que presentemos, porque a resposta sempre é a mesma: a Monforte non.

Falta documentación, o proxecto non se axusta ás bases, hai que solicitar obradoiros conxuntos, e un logo rosario de escusas similares serán as que esgrima o Goberno Galego para xustificar a marxinación da cidade e das persoas que están no paro e que poderían ter a posibilidade de empregarse durante un tempo.

Coma sempre, a Xunta non nos explicará por qué Monforte queda sen obradoiro un ano máis. Os baremos de puntuación serán “secreto de Estado” para o Goberno do Sr. Feijóo.

Coma sempre, a voceira popular en Monforte, a Sra. Julia Rodríguez, porase do lado do seu partido e fronte ós intereses da cidadanía monfortina. Intentará xustificar unha decisión que volve marxinar a Monforte e culpará ó Goberno Local de tódolos males. Nada novo, xa estamos acostumados a que a Sra. Rodríguez pregunte polas subvencións que non se piden pero non faga nada polas que se piden e non nos conceden nin, por suposto, por lograr que Monforte conte cun obradoiro de emprego.

A Xunta Local de Goberno de Monforte, na sesión celebrada o día 13 de febreiro, acordara aprobar a solicitude dun obradoiro de emprego á Xunta de Galicia. Este obradoiro denomínouse “Rutas verdes no casco histórico de Monforte” e a solicitude recollía a petición dun obradoiro para 28 alumnos/as, 3 profesores a xornada completa e 1 a media xornada, 1 director/a e 1 administrativo/a. 

As actuacións a realizar consistirían na revalorización e recuperación de espazos públicos urbanos no casco histórico de Monforte e na dinamización de espazos medioambientais. O obxectivo sería acondicionar estes espazos e unilos entre sí a través dunha ruta verde medioambiental, realizada e sinalizada cos traballos deste obradoiro.

31 de marzo de 2015 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.