Monforte acollerá obradoiros formativos sobre entrevistas de traballo e orzamento familiar
As concellerías de Benestar Social e Promoción Económica en colaboración coa Fundación BBVA, organizan dous obradoiros formativos para sectores moi específicos da poboación.
As dúas accións formativas desenvolveranse o vindeiro mércores día 11 de marzo, e centraranse na elaboración dun orzamento familiar e na preparación para entrevistas de traballo.
O obradoiro “Elaboración dun Orzamento Familiar” celebrarase na sala de actividades do Centro Cívico e Social do Malecón entre as 11:00 e as 13:00 h do día 11 de marzo. Está enfocado ás persoas usuarias dos Servizos Sociais e inclúese dentro do Programa de Intervención Familiar. O obxectivo desta acción formativa é aprender a administrar mellor o diñeiro do que podemos dispoñer. Neste obradoiro participarán 15 persoas seleccionadas polos Servizos Sociais.
O mesmo día e tamén no Centro Cívico, pero neste caso entre as 16:30 e as 18:30 h, celebrarase un obradoiro no que se falará de como preparar unha entrevista de traballo. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a partir do vindeiro luns na oficina da Axente de Desenvolvemento Local, situada nas Casiñas da Compañía.