Moncho Fernández: “O Montakit Fuenlabrada ten un potencial ofensivo enorme”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro prepara o encontro ante o Montakit Fuenlabrada (sábado, 19.30 horas), “con moitas ganas, para referendar o bo momento e vencer fóra de casa de novo”, afirmou o seu adestrador Moncho Fernández en rolda de prensa.

O técnico caracteriza ao seu próximo rival como “un equipo cun potencial ofensivo enorme, e reducilo a Panko, aínda que sexa MVP, sería un erro. Están Akindele, Burtt, Mayo, etc. O seu gran perigo é que cada xogador che pode facer moito dano.  Se te limitas a un, calquera che pode facer unha desfeita”, declara.

O técnico chama á calma: “Espero que sexamos conscientes de como conseguimos as cousas e que sexamos capaces de repetilas. Recuperamos en Gipuzkoa un bo nivel competitivo, mantivémolo en casa con UCAM Murcia, e o que sabemos agora é cal é o camiño para competir. Iso si, sen pasar pola euforia ou o exceso de confianza para que un equipo tan armado como o Montakit Fuenlabrada non nos pase por encima”, explica o de Pontepedriña.

“É un equipo moi longo, con tres bases como Daniel Pérez, Alberto Díaz e Josh Mayo, escoltas como Miso e Burtt ou beirados como Panko, Smitts e Cvetkovic…Mayo pode revolucionar un partido como en Barcelona, e Akindele cada balón que colle no poste baixo acaba no aro, por exemplo”, detallou. “Sacan moito proveito dos seus mellores homes, e defensivamente teñen moito oficio e moito físico. Son moi atléticos, colapsan a pintura, e prepararán algo para frearnos, sen dúbida”.

Ex compañeiro de bancos do técnico fuenlabreño Hugo López, o adestrador obradoirista recoñece que “Hugo tentou aplicar o seu sinal e tivo que facer fronte a varios cambios”. Ademais, no staff madrileño está tamén Jesús Salga, ex compañeiro do adestrador axudante Víctor Pérez.

Para traerse a undécima vitoria, Fernández ten claro que “ter ese nivel defensivo do último partido. Ofensivamente será difícil porque teríache que entrar todo, tamén”. Contará para iso cos seus homes, á espera da evolución dunha gripe sufrida por Jesús Chagoyen .

19 de marzo de 2015 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.