Monbus comparte a tranquilidade manifestada polo seu presidente
A empresa Monbus trasladou este xoves que comparte a “tranquilidade e seguridade” mostrada polo seu presidente, Raúl López, tras ser detido no marco da denominada ‘Operación Cóndor’ dirixida pola xuíza de Lugo Pilar de Lara Cifuentes, á vez que garantiu a “totalidade” dos servizos de transporte que presta dentro e fóra da Comunidade de Galicia.
“Aínda que nestes momentos descoñecemos o contido da investigación xudicial, o corpo directivo e os traballadores da empresa compartimos a tranquilidade e a seguridade manifestada polo noso presidente, e queremos transmitir esta tranquilidade aos nosos usuarios e amigos”, sinala a empresa nun comunicado.
Ademais, a empresa Monbus manifestou que “todos os servizos de transporte de viaxeiros que presta actualmente están a funcionar con normalidade e seguirán facéndoo para garantir a totalidade dos nosos servizos”.
“Queremos despexar calquera dúbida sobre o funcionamento das nosas liñas de viaxeiros e transmitir tranquilidade aos usuarios dos mesmos nas diferentes cidades e comunidades, así como aos traballadores e traballadoras do grupo”, apostila.
“TOTAL COLABORACIÓN”
Nesta liña, no seu comunicado, a empresa insiste en que “está a prestar e seguirá prestando unha total colaboración coa investigación xudicial” a fin de que “no menor tempo posible se poida resolver esta situación”.
No marco deste novo operativo da xuíza que tamén instrúe a ‘Pokémon’ investíganse delitos contra a facenda pública, branqueo de capitais, falsidade, delito contable, tráfico de influencias e suborno.
Na ‘Operación Cóndor’ foron detidas, ademais de López en Lugo, outras catro persoas na localidade pontevedresa de Sanxenxo relacionadas co grupo empresarial presidido por este. Os investigadores non descartan novos arrestos.