publicidade hoxe

Miranda finaliza a viaxe por Brasil asinando un protocolo para a promoción de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, finaliza hoxe a súa viaxe á República Federativa de Brasil cunha reunión de traballo con empresarios e entidades asociativas do sector turístico, entre os que se contan moitos emprendedores galegos que realizan parte das súas actividades no país carioca.

Así, ademais de Miranda, participan na xuntanza o propietario de la cadea hostaleira Windsor, José Oreiro; o presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Río e director xeral da Organização Nacional da Indústria do Petróleo, Eloy Fernández; e o vicepresidente da Asociación de Empresarios Galegos en Río, José Paredes; todos eles galegos.

Ademais, tamén están presentes o conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España, Pablo Figueroa; e mailo presidente da Associaçao Brasileira da Indústria de Hotéis – Río de Janeiro, Alfredo Lopes de Sousa Jr., cuxa presenza foi moi importante para estender a colaboración entre a Xunta de Galicia e os empresarios galegos asentados en Río a tódolos emprendedores do sector, tamén aos naturais do Brasil.

Rematada a reunión, o secretario xeral da Emigración presidiu a sinatura do protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Clúster Turismo de Galicia e a Asociación de Empresarios Galegos de Río de Xaneiro, para a promoción turística de Galicia nas principais cadeas hostaleiras da cidade con mais atractivo para os visitantes do Brasil.

O protocolo tamén contempla facilitar o intercambio de estudantes e profesionais do sector turístico entre Galicia e Río de Xaneiro, en especial alumnos de ciclos formativos profesionais medio e superior, así como estudantes de ensinanza superior en turismo. Igualmente, estipúlase o impulso ao desenvolvemento de prácticas profesionais no sector empresarial turístico galego, a través do Clúster Turismo de Galicia.

Cómpre sinalar que o peso específico dos empresarios galegos no sector hostaleiro carioca é moi relevante, calculándose que máis de metade das camas dispoñibles para pernocta turística en Río e a súa contorna pertencen a cadeas de propiedade galega total ou parcialmente, razón polo cal é posible a realización, e previsible éxito, desta promoción.

Colectividade galega

Con esta xuntanza, Rodríguez Miranda finaliza esta nova viaxe ao Brasil, na que, ademais de achegarse á realidade e actualidade das comunidades galegas, levou a cabo diversos contactos institucionais coas autoridades locais, e tamén asinou outro acordo en materia asistencial, concretamente coa Asociación ‘Recreio dos Anciâos’, que celebraba o seu 75 aniversario.

Emigración asinou con esta entidade -presidida pola galega Regina Jallas- un convenio, por valor de vinte mil euros, co obxecto de contribuír á atención das necesidades básicas dos cidadáns galegos ingresados, realizar actuacións en prevención sociosanitaria, e tamén para proporcionarlles medicamentos e outro material xeriátrico en caso de necesidade.

Miranda reuniuse asemade co conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España, e coa nova cónsul xeral de España en Río. Tamén visitou o Club Español de Niterói, entidade e localidade cunha importante presenza de galegos.

Axiña, a Venezuela

O secretario xeral da Emigración regresa a Galicia trala reunión cos empresarios galegos en Río, pero está previsto que a finais de semana regrese de novo a Iberoamérica, esta vez para achegarse a coñecer in situ as novidades que atinxen á colectividade galega en Venezuela. Neste país, as comunidades galegas atravesan -coma o resto da cidadanía nativa- un período de incerteza, sobre o que a Secretaría Xeral da Emigración require permanente información das propias comunidades.

23 de marzo de 2015 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.