Miguel Lorenzo presenta o programa de actividades con motivo do Día Internacional da Muller
O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, presentou, esta mañá, o programa de actividades que o seu departamento deseñou para conmemorar o Día Internacional da Muller que se celebra o 8 de marzo. Baixo o lema Pequenos pasos para os homes, grandes pasos para a sociedade, este ano fará especial fincapé no papel dos homes de todas as xeracións que se implican activamente a favor da igualdade. “A sociedade avanzou moito pero segue sendo necesario que as administracións nos impliquemos para lograr unha igualdade real entre homes e mulleres”, sinalou o concelleiro.
Para conmemorar esta data, o Concello da Coruña deseñou un completo programa de actos, formado polas seguintes accións:
. ACTO INSTITUCIONAL EMPRENDEDORAS CORUÑESAS. Por cuarto ano consecutivo, o Concello da Coruña destacará as contribucións femininas á nosa cidade enxalzando o importante labor das mulleres emprendedoras que puxeron en marcha a súa propia empresa nun contexto de crise e que, en moitos casos, supuxo para elas a recondución da súa traxectoria profesional. Participarán no acto 19 mulleres emprendedoras propostas por varias asociacións empresariais que tamén acudirán ao acto. Celebrarase o 6 de marzo, ás 11.00 horas, no salón de plenos do Concello.
. CAMPAÑA EN REDES SOCIAIS #DOUOPASO
– Publicación dun decálogo de boas prácticas no que se recollen condutas cotiás desenvolvidas polos homes para favorecer a igualdade no fogar, na oficina ou á hora de educar os fillos e fillas:
Eu comparto as responsabilidades do fogar.
Eu celebro os éxitos da miña compañeira.
A min gústame que a miña noiva teña o seu propio estilo.
Eu teño en conta os desexos sexuais da miña parella.
Eu aprendo coas achegas das compañeiras do colexio.
Eu estou a favor das reunións en horario laboral para non prolongar a xornada e favorecer a conciliación.
Eu xogo coas nenas no recreo.
Eu non fago chistes machistas.
Eu non piropeo ás mulleres pola rúa.
Eu emprego unha linguaxe que inclúe as mulleres.
– Activación dunha campaña participativa a través das redes sociais. A semana pasada, o CIM deu un salto a Facebook e Twitter (www.facebook.com/cimcoruna e @CIMCoruna). A través destes perfís, iniciouse unha campaña -activa ata finais do mes de marzo- para invitar, homes e mulleres de todas as idades, a facerse unha foto cun cartel no que mostren as súas condutas cotiás a favor da igualdade e compartila empregando o hashtag #DOUOPASO.
– Activación dunha campaña de dinamización en diferentes centros cívicos da cidade durante o mes de marzo. Os centros cívicos da cidade contan cunha serie de carteis que reflicten as condutas dos homes a favor da igualdade contidas no decálogo. Estes carteis encontraranse na entrada dos centros para que calquera persoa poida realizarse unha foto con eles e compartila en Facebook e Twitter, utilizando o hashtag #DOUOPASO, ou para enviala a través do correo electrónico corunacim@gmail.com e que o CIM poida publicala. Os centros cívicos seleccionados son os do Castrillón, Eirís, Elviña, Labañou, Mesoiro, Monelos, Monte Alto, Os Mallos, Novoboandanza, Palavea, Roseiras e San Diego.
. EXPOSICIÓN #DOUOPASO. Unha selección das fotos tomadas para a campaña #DOUOPASO, que reflicten homes de diferentes xeracións cun cartel que recolle unha conduta, un pequeno gran paso a favor da igualdade, poderase visitar no Centro Cívico Os Mallos entre o 24 e o 31 de marzo.
. MESA REDONDA “MULLERES NO ÁMBITO LABORAL: RETOS PENDENTES”. Unha mesa redonda abordará as seguintes cuestións de actualidade no ámbito do emprego:
– Cal é a situación real coa que se están atopando ás mulleres non día a día nos seus postose de traballo?
– Con que obstáculos baten cando queren emprender ou seu propio proxecto?
– Seguen a ser a conciliación e a corresponsabilidade, retos pendentes?
Estes temas estarán presentes na mesa onde Carmen Castro (economista especializada en Políticas Europeas de Xénero) ou Berta Lema (asesora no Servizo de Creación e Consolidación de Empresas da Fundación Mulleres) e Ana María García (emprendedora e asesora legal en Igualdade de Xénero) achegarán a súa perspectiva, moderados por Carla Reyes (presidenta de Executivas de Galicia).
A continuación, Verónica Campos e Berta Malvárez conducirán unha estimulante dinámica onde as persoas asistentes reflexionarán sobre a súa situación e os seus retos pendentes. Será o 24 de marzo, ás 19.00 horas, no centro cívico municipal de Os Mallos.
. XINCANA POLA IGUALDADE. Abordará de forma lúdica a transmisión de valores relacionados co respecto e a igualdade entre ambos os dous sexos, afondando nos estereotipos e roles sociais como fonte de desigualdades. A xincana facilitará a reflexión sobre a corresponsabilidade, a desmitificación dos roles asignados a homes e mulleres e a visibilización do papel das mulleres en diferentes ámbitos como a historia, a cultura, o deporte ou as ciencias. A actividade, dirixida a mozos de entre 6 e 12 anos, desenvolverase dende o 9 de marzo nos centros cívicos.
. CURSO DE FORMACIÓN EN COEDUCACIÓN. Persegue propiciar unha conciencia crítica de xénero e potenciar a coeducación nos espazos educativos, estimulando a implicación dos/as profesionais do ocio e tempo libre e do ensino no desenvolvemento dunha educación igualitaria. Dirixido ao monitorado, educadores/as profesionais do ensino, desenvolverase o 25 e 26 de marzo de 9.00 a 14.00 horas no CIM.
. TALLERES EN CENTROS EDUCATIVOS. Dirixidos a alumnado de Educación Primaria, terán lugar ao longo do segundo e terceiro trimestre deste curso nos diferentes centros educativos de infantil e primaria da cidade.
– “Diferentes pero iguais”: taller que favorece o desenvolvemento de actitudes conducentes á igualdadde trato e oportunidades entre nenas e nenos.
– “Catro dons para a Igualdade”: taller que favorece o desenvolvemento de actitudes que contribuirán a unha sociedade na que prime a convivencia entre ambos os dous sexos, a través dos seguintes “catro dons”:
Conecerse ben a un/unha mesmo/a.
Quererse moito.
Ser respectuoso/a cos demais.
Saber recibir e manifestar afectos.
Ademais, o Fórum Metropolitano, o Teatro Rosalía Castro, o Centro Ágora, o CGAI e o festival CoruñaMaiúscula tamén se implicarán nesta programación con diferentes actividades.
“Coa campaña deste ano buscamos a implicación dos homes, porque esta non é unha loita das mulleres, é unha loita de toda a sociedade e estou seguro de que entre todos podemos conseguir a igualdade”, finalizou o concelleiro.











