Medio Ambiente licita o estudo de necesidades para a integración da estación de autobuses de Santiago na intermodal
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita o contrato para a elaboración dos estudos de necesidade previos da terminal de autobuses integrada na nova estación intermodal de Santiago de Compostela, por un importe de case 60.000. O Diario Oficial de Galicia fai público hoxe a licitación deste contrato cuxo prazo de execución son 4 meses.
Este estudo ten por obxectivo o establecemento do programa de necesidades da nova teminal de autobuses integrada na estación intermodal de Santiago. Así, establecerá a capacidade mínima da nova terminal no que respecta a número de dársenas e as súas dimensións, servizos a prestar pola nova terminal (especificando cales poden e deben ser atendidos polos servizos e instalacións existentes na terminal ferroviairia) e dimensionamento de plataformas e servizos. Definiranse ademais os espazos e áreas necesarios para asegurar unha adecuada maniobrabilidade dos autobuses e realizarase unha análise das necesidades de aparcadoiro para turismos.
Analizarase a superficie dispoñible e necesaria para cubrir as necesidade da nova terminal de autobuses, que se localizará ao sur da praia de vías, nos terreos situados entre a rúa Clara Campoamor e dita praia, garantindo unha adecuada accesibilidade, maniobrabilidade e operatividade dos autobuses e determinando a localización idónea da terminal dentro do espazo para dispoñer. Ademais, propoñeranse as solucións necesarias para garantir unha axeitada permeabilidade transversal en relación coa barreira física que constitúe a praia de vías.
Tal e como se recolle no prego de condicións, a nova estación conterá os servizos característicos propios dunha estación de autobuses, conectando o edificio dunha forma adecuada, co da estación de ferrocarril, de tal maneira que se garanta unha óptima intermodalidade. Ao temp que se dimensionan as zonas destinadas para o viaxeiro (despacho de billetes, vestíbulo, zonas de espera, servizos, etc).
A nova terminal de autobuses substituirá á estación actual, polo que a nova instalación deberá acoller os servizos de autobuses actualmente prestados pola estación de autobuses de Santiago: cercanías, provinciais, comunidade autónoma, nacionais e internacionais. Polo tanto, será necesario analizar os tráficos (tempos de parada, frecuencias…) e liñas dos autobuses que operan na actual estación a fin de garantir a súa reposición nas condicións máis idóneas. Tamén se estudará a posibilidade de acoller os servizos de carácter metropolitano, así como outras liñas e/ou paradas que actualmente fan uso da estación e teñen termo noutros puntos da cidade. Nese sentido, é necesario realizar un estudo de reordenación das liñas de autobuses ao servizo público regular de uso xeral de transporte de viaxeiros competencia da Xunta de Galicia.
Outro dos aspectos a ter en conta é que as novas instalacións deben dar servizo a diferentes tipos de autobuses, desde microbuses a autobuses de 15 metros, de dous pisos e de piso corrido. Igualmente, terase en conta, desde o momento da elaboración dos estudos previos da terminal de autobuses, o cumprimento da normativa vixente en materia de accesibilidade e supresión de barreiras.
Estudo de tráfico
Para a localización analizada da nova terminal de autobuses levarase a cabo un estudo da incidencia sobre o tráfico do funcionamento da estación intermodal e da nova reordenación de liñas de autobuses proposta.
O estudo terá por obxecto analizar a repercusión, que sobre o tráfico rodado actualmente existente na contorna da estación do ferrocarril, previsiblemente poidan ter os novos fluxos de peóns, ciclistas, automóbiles e autobuses derivados da entrada en funcionamento da nova estación intermodal, tendo en conta a reordenación de liñas de autobuses proposta.
O ámbito para estudar abarcará toda a extensión do centro urbano na cal a reordenación das liñas de autobús poida orixinar un incremento apreciable da circulación de autobuses, como mínimo, a contorna más próxima á estación intermodal e os principais corredores de circulación das liñas interurbanas e urbanas.