Medio Ambiente licita as obras de saneamento de Pereiro-Cadrelo por máis de 530.000 euros
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita hoxe no Diario Oficial de Galicia as obras da rede de sumidoiros nos lugares de Pereiro e Cadrelo, no Concello de Marín, por un importe de máis de 530.000 euros.
Tal e como anunciara a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, nunha recente visita ao Concello de Marín, Augas de Galicia licitou este contrato de obra pública, cuxo prazo máximo de execución é de 4 meses.
A actuación licitada hoxe forma parte do proxecto de saneamento en Pereiro-O Pozo, que se desdobra en dúas fases e que suman un investimento dun millón de euros. Trátase do segundo dos proxectos, que mellorará o saneamento nos núcleos de Pereiro- Cadrelo, mentres que a primeira é a relativa ao saneamento de Pereiro- O Pozo.
Ambas actuacións están recollidas no convenio asinado en 2010 entre a Xunta e o Concello de Marín, polo que se desenvolven varias infraestruturas hidráulicas no rural e do cal xa se executaron actuacións por máis de 1,5 millóns de euros.
Na Área do Pereiro executarase un colector cunha lonxitude de case 300 metros, que é a prolongación da rede O Pereiro– O Pozo e 3 ramais. Na Área de Cadrelo executaranse dous novos ramais cunha lonxitude de 530 metros e unha estación de bombeo e unha impulsión. A estación de bombeo construirase en formigón armado. Estará dotada con dúas bombas somerxidas protexidas por cestón de groxos, e terá cámara de válvulas.
Pereiro-O Pozo
Augas de Galicia tamén iniciará no mes de abril as obras de rede de sumidoiros en Pereiro- O Pozo, no Concello de Marín, adxudicadas a principios deste mes por un importe de 522.000 euros, á empresa Sevitec Medioambiente, SL, e que facilitará a posta en servizo da infraestrutura xa rematada de Miñán-A Esperela.
Esta actuación conectarán os núcleos de Pereiro e o Pozo, que actualmente non contan con servizo de saneamento a rede de saneamento municipal de Marín. As obras consisten na instalacións de case un quilómetro (940 metros) de colectores por gravidade, e dous bombeos: un cunha capacidade de 3.5 litros/segundo e outro de 11.8 l/s. Dende cada un dos bombeos parte unha impulsión de 215 e 485 m de lonxitude respectivamente.
Estas dúas actuacións son un exemplo da necesidade de implicación e do traballo de todos, fundamentalmente das administracións locais, dado que son as responsables últimas das tarefas de mantemento e renovación das redes de saneamento.











