Medio Ambiente iniciará as obras da rede de sumidoiros no Pereiro-O Pozo en abril
A Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas iniciará no mes de abril as obras de rede de sumidoiros en Pereiro- O Pozo, no Concello de Marín.
Como salientou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, nunha recente visita ao Concello de Marín, a Consellería adxudicou este contrato de obra hidráulica por un importe de 522.000 euros, á empresa Sevitec Medioambiente, SL.
As obras que se iniciarán en abril conectarán os núcleos de Pereiro e o Pozo, que actualmente non contan con servizo de saneamento a rede de saneamento municipal de Marín.
As obras consisten na instalacións de case un quilómetro (940 metros) de colectores por gravidade, e dous bombeos: un cunha capacidade de 3.5 litros/segundo e outro de 11.8 l/s. Dende cada un dos bombeos parte unha impulsión de 215 e 485 m de lonxitude respectivamente.
A actuación adxudicada é un dos proxectos para o saneamento en Pereiro-O Pozo, xa que se desdobra en dous proxectos, que suman un investimento dun millón de euros. O segunso dos proxectos é o correspondente ao saneamento de Pereiro- Cadrelo, cun investimento de arredor de 540.000 euros e que será licitado este mesmo mes. Ambas actuacións están recollidas no convenio asinado en 2010 entre a Xunta e o Concello, polo que se desenvolven varias infraestruturas hidráulicas no rural e do cal xa se executaron actuacións por máis de 1,5 millóns de euros.
Estas actuacións son un exemplo da necesidade de implicación e do traballo de todos, fundamentalmente das administracións locais, dado que son as responsables últimas das tarefas de mantemento e renovación das redes de saneamento.











